Dortmund
Cidade do land de Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, situada na marxe dereita do Ruhr (594.866 h [1998]). É un dos portos fluviais máis importantes da conca carbonífera do Ruhr e comunica cos portos do N a través da canle navegable Dortmund-Ems. Tamén se converteu nun dos núcleos de poboación máis importantes de Alemaña, resultado da absorción de pequenos núcleos próximos durante o desenvolvemento industrial da cidade. A economía está baseada no sector secundario, que dá emprego ao 40% da poboación activa. Ademais da siderurxia e da extracción de carbón de coque e hulla, son importantes as factorías químicas, o vidro, o papel, o sector alimentario e as fábricas de cervexa, que experimentaron un considerable auxe nos últimos anos. Como gran porto fluvial e nó de comunicacións, conta cun destacado intercambio de produtos agrícolas (hortalizas e froitas) e gandeiros. Fundada antes do ano 885, foi a única cidade imperial de Westfalia. Durante o período de Hansa (s XIII) alcanzou unha grande importancia comercial, sobre todo nas súas relacións co Báltico. En 1803 foi cedida ao duque de Nassau e en 1815 a Prusia. Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas de Santa María (s XII) e de San Renaldo (S XIII), e a casa do concello, orixinaria do s XVI e reconstruída no s XIX e trala Segunda Guerra Mundial.