Dos anxos e dos mortos
Novela publicada por Anxo Rei Ballesteros en 1977 que se centra na vida dun grupo de universitarios de Santiago de Compostela a través de tres personaxes principais: Luísa, Xoán e Atanís. Escrita desde unha actitude vital na que se mesturan a angustia, o medo, o caos ou o entusiasmo amoroso, ofrece a imaxe dunha mocidade marcada pola mediocridade e a falta de expectativas vitais. Conscientes de estar inmersos nunha sociedade hipócrita, insolidaria e egoísta, os protagonistas defínense por un sentimento de desorientación e de fracaso prematuro que tentan combater loitando por saír da súa incomunicación e asumindo a súa verdadeira personalidade nun mundo de aparencias, representado por personaxes secundarios como a nai de Luísa, Encarna e Manolo. A mensaxe última da novela é a impotencia fronte á nada, o baleiro vital que senten os personaxes, que non pode superar nin o mesmo amor. Tan só a literatura, simbolizada na novela que Atanís vai escribindo ao longo da trama, parece apuntar unha posibilidade que evite o afundimento total nela. Pertencente á chamada novela de aprendizaxe ou iniciación sentimental, e a súa importancia reside no feito de asimilar as técnicas desenvolvidas pola narrativa europea e americana do s XX que introduciron en Galicia os autores da chamada Nova Narrativa. Deste xeito, a obra caracterízase por unha pluralidade de rexistros e de voces narrativas, que buscan un lector activo capaz de descifrar os múltiples niveis informativos que a compoñen. Organízase en dous longos capítulos carentes de título, divididos á súa vez con esporádicos espacios en branco. A trama transmítese de forma fragmentaria, con cortes derivados dos cambios de escenario, perspectiva e voz narrativa, que configuran unha linguaxe próxima á cinematográfica. A nivel formal caracterízase polo uso de onomatopeas, xogos semicaligramáticos coas maiúsculas, e polo bilingüismo, que permite diferenciar actitudes e personaxes. Por último, hai que sinalar a reaparición dalgúns personaxes da obra na segunda novela do autor, Loaira (1992).