Dosil López, Benxamín
Lingüista. Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, é intérprete xurado de galego. Foi tradutor de galego no Servicio de Tradución da Xunta (1989-1997), profesión que tamén exerceu fóra desa institución e, dende 1993, funcionario do corpo superior da Xunta de Galicia. Foi subdirector xeral de Política Lingüística (1998-2000), cargo no que levou a cabo varias iniciativas, entre as que destacan a creación da sección de Asesoramento Lingüístico, coa dobre finalidade de dar resposta a calquera consulta relativa á lingua galega e de atender, en materia de lingua, as organizacións públicas e privadas; potenciou a presenza dos profesionais da lingua na Administración de Xustiza e mais nos ámbitos comarcal e local; e levou a cabo outras actuacións, como a dinamización social, o ensino, a investigación e as novas tecnoloxías aplicadas á lingua. É autor de Maiúsculas e abreviacións (1996) e Palabras novas e nomes propios (1997); e publicou, en colaboración, Dicionario galego de banca (1993), Manual de fútbol (1995-1998), Dicionario de ortografía da lingua galega (1996) e Ortografía galega. Método práctico (1997). Encargouse ademais da coordinación e tratamento terminolóxico da Guía de alimentación (1995) e do Léxico da construción (2001).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Fonsagrada