Dostojevskij, F’odor Mikhajlovič

Dostojevskij, F’odor Mikhajlovič

Escritor. O seu pai, home cruel e tiránico, obrigouno a estudar a carreira de enxeñeiro militar en San Petersburgo (1838-1843) malia a súa vocación literaria. En 1843 iniciou a súa traxectoria literaria coa tradución da novela de Balzac Eugénie Grandet (1844) e coa súa novela Bednyje l’udi (Pobre xente, 1845). En 1849 foi condenado a morte por problemas políticos pero conmutáronlle a pena pola deportación a Siberia. Entre 1850 e 1854 viviu en Omsk, suxeito ao réxime de traballos forzados, seguido do servizo como soldado raso en Semipalatinsk. Amnistiado en 1859, regresou a San Petersburgo para reanudar a súa carreira literaria. En 1861 iniciouse como xornalista, en colaboración co seu irmán Mikhail, coa fundación da revista Vren’a que, censurada polas autoridades en 1963, se converteu en Epokha (1864-1865); posteriormente, dirixiu o semanario Graždanin (1872) onde creou a sección titulada “Dnevnik pisatel’s”, que convertería en 1876 nunha revista escrita por el só que durou, con algunhas intermitencias, ata 1881. Considerado un dos mellores escritores do seu tempo, nas súas obras experimentou con formas narrativas que permitisen acceder á conciencia de personaxes atormentados. O seu realismo, caracterizado pola profundidade da análise psicolóxica, filosófica e social, afondou no tema da dualidade psicolóxica e na división entre o ser e a aparencia do eu, no conflito entre ideas e sentimentos. Os seus heroes enfróntanse a terribles dilemas morais que os levan a autoanalizarse constantemente. Son, ante todo, pensadores que loitan contra si mesmos e entenden a existencia como unha experiencia filosófica. Da súa produción destacan as novelas Dvojnik (O dobre, 1846), Gospodin Prokharčin (O señor Prokharčin, 1847), Belyje noči (As noites brancas, 1848), Malen’kij geroj (O pequeno heroe, 1849), Netočka Nezvanova (Inacabada, 1849), D’ad’uskin son (O soño do tío, 1859), Selo Stepančikovo i ego obitateli (Stepančikovo e os seus habitantes, 1859), Unižennyje i oskorbl’onnyje (Humillados e ofendidos, 1861) e as súas memorias do cárcere Zapiski iz m’ortvogo doma (Apuntamentos da casa morta, 1861-1862). A súa primeira viaxe ao estranxeiro, en 1862, inspiroulle unha crítica ao capitalismo, Zimnije zametki oi letnikh vpečatlenijakh (Notas de inverno sobre impresións de verán, 1863), e outra ao individualismo, Zapiski is podpol’ja (Apuntamentos do subterráneo, 1864). Seguidamente publicou Prestuplenije i nakazanije (Crime e castigo, 1866), que trata sobre o problema moral do crime; Igrok (O xogador, 1866), inspirada na súa propia afección polo xogo; Idiot (O idiota, 1868); Večnyj muž (O eterno marido, 1870); Besy (Os demos, 1871), na que ataca o socialismo; Podrostok (O adolescente, 1874-1875); Brat’ja Karamazovy (Os irmáns Karamazov, 1878-1880), traxedia familiar que representa os problemas e posibilidades de salvación do pobo ruso e algúns relatos como Bobok ou Son smeshnogo čèloveka (O soño dun home ridículo).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Moscova

  • Deceso

    Lugar : San Petersburgo