Douglas

Douglas

Liñaxe feudal escocesa orixinaria de Lanarkshire. Acadou importancia política ata o s XII. No s XIV a familia dividiuse en dúas ramas: os Douglas Negros, titulares da baronía e do condado de Douglas, e os Douglas Vermellos, titulares do condado de Angus. Entre outros membros da familia cómpre destacar a William Douglas (?-1298), primeiro señor de Douglas; ao seu fillo James Douglas (1286-1330), que morreu loitando contra os musulmáns en España e foi o primeiro en recibir o apelativo de Negro, e ao seu sobriño William Douglas (1327-1384), primeiro conde de Douglas (1358). Esta liña extinguiuse cando o Rei Xacobe II mandou asasinar a William Douglas (?-1440), oitavo conde de Douglas. O fillo ilexítimo do primeiro conde de Douglas, George Douglas (?-1402?), iniciou a rama dos Vermellos e recibiu do Rei Roberto III de Escocia o título de conde de Angus. Archibald Douglas (?-1513), sexto conde de Angus, foi gran chanceler de Escocia. A liña extinguiuse no s XVIII e as súas posesións e títulos repartíronse entre os condes de Home e os duques de Hamilton.