Douro
Río da Península Ibérica, da vertente atlántica, que atravesa Castela e León e a rexión portuguesa de Trás-os-Montes. Nace nos Picos de Urbión e percorre a Península de L a O, para desembocar en Porto, no Océano Atlántico. A súa conca abarca unha superficie de 98.200 km2, cunha lonxitude de 913 km. O réxime dominante é pluvio-nival, dada a elevada altitude das montañas que o rodean, a Cordilleira Cantábrica no curso alto e o Sistema Central no medio. Existe un notable desequilibrio entre as achegas dos afluentes de cada unha das marxes do río. Así, os afluentes da dereita son máis longos e caudalosos, debido principalmente a que a Cordilleira Cantábrica está máis afastada ca o Sistema Central. Os principais afluentes da marxe dereita son o Pisuerga, o Esla, e o Tua e Támega en Portugal. Na marxe esquerda, o Riaza, o Duratón, o Cega, o Eresma, o Adaja, o Tormes (o máis caudaloso desta vertente), o Yeltes, o Águeda, e o Côa e Paiva en Portugal. A súa importancia económica é fudamental, sobre todo na Meseta, onde é fundamental para o desenvolvemento das actividades agrícolas; ao longo dos séculos creouse unha importante rede de canais para facilitar o regadío e a navegación. No seu tramo superior discorre cunha dirección SL, coa súa canle encaixada e un forte desnivel. A partir da localidade de Molinos del Duero avanza máis tranquilo e cerca de Soria xira ao S 90°. Desde Soria ata Zamora o río forma amplos meandros e xa na fronteira portuguesa toma unha dirección SO; ao longo duns 100 km convértese en fronteira natural dos dous estados. Hai unha notable presenza de encoros ao longo de toda a conca, dos que en xeral, os situados nos tramos superiores están destinados ao regadío, mentres que os do tramo final son importantes centros de produción eléctrica.