Dow Jones

Dow Jones
[ECON]

Índice da bolsa de Nova York e do novo mercado de valores (NASDAQ) mantido e revisado polos editores do The Wall Street Journal. Trátase do índice de maior relevancia dos EE UU. Baséase no cambio dos prezos dos compoñentes do mesmo e considérase un indicador básico para as bolsas mundiais. Está integrado por tres índices que, sumados, forman o Dow Jones composto: o Dow Jones Transports Average (DJTA), índice de transportes composto polos vinte títulos de maior capitalización; o Dow Jones Utilities Average (DJUA), índice de servicios públicos que inclúe os quince títulos de maior capitalización do sector; o Dow Jones Industrial Average (DJIA), de valores industriais, formado pola suma do prezo unitario por acción de todas as empresas que o compoñen e dividido por un factor que se axustou a 0.20145268 a partir do 31 de decembro de 1999. O DJIA creouno en 1884 o xornalista Charles Dow (1851-1902) e contou con once empresas: nove do sector ferroviario e dúas industriais. O 7 de outubro de 1896 publicáronse por primeira vez no The Wall Street Journal as cotizacións das vinte compañías do DJTA e as doce do DJIA, desta listaxe orixinal só permanece a General Electric. Dende 1928, aínda que houbo modificacións nas empresas que o conforman, o seu número estableceuse en trinta grandes corporacións de diversos sectores industriais, que representan ao redor dun sexto do valor da capitalización do mercado bursátil dos EE UU.