dramatización
(< dramatizar)
Adaptación xenérica pola que un texto narrativo se transforma nun texto dramático. O proceso remóntase ás primeiras manifestacións teatrais: a traxedia clásica grega parte dos temas da tradición mítico-épica. Desde entón, a narrativa converteuse en fonte habitual de argumentos, de xeito que son frecuentes as adaptacións teatrais de novelas de éxito. A principal dificultade está no axuste temporal do relato ás convencións escénicas. O teatro clásico desenvolve as súas accións nun presente atemporal e, polo tanto, non admite as anacronías, nin os xogos temporais de duración e frecuencia característicos do modo narrativo. Igualmente, carece de recursos para impoñer o punto de vista dun personaxe sobre os demais. Todo o texto debe pasarse ao estilo directo e facer avanzar a trama a través dos diálogos dos personaxes. No teatro contemporáneo, dramaturgos como Bertolt Brecht, Arthur Miller ou Thornton Wilder subverteron as regras clásicas do teatro e incorporaron elementos propios da novela, en particular un narrador que conduce a acción escénica.