dramaturxia
(< grδραματουργία)
-
s
f
[ESPECT]
Termo que, na súa concepción clásica, designa a arte de compoñer ou escribir obras dramáticas, a partir do coñecemento e do dominio dunha serie de principios e técnicas específicas. Considérase que a primeira dramaturxia de Occidente foi a Poética de Aristóteles. A partir da publicación da obra de G. E. Lessing, Hamburgische Dramaturgie (A dramaturxia de Hamburgo, 1768), comezou a diferenciarse entre o Dramatiker, ou escritor de textos dramáticos, e o Dramaturg, que se adoita traducir como dramaturxista, unha especie de mediador entre o texto e o espectáculo que traballa ao servizo do director de escena e que prepara os textos para a súa realización escénica. A dramaturxia aparece definida como unha especie de preescritura escénica integrada por unha serie de formulacións teóricas, por un conxunto de estratexias, aplicacións metodolóxicas e técnicas, e por un numeroso grupo de prácticas, que teñen como obxectivo deseñar un espectáculo virtual definindo todos os elementos de significación, os criterios estéticos e os diferentes papeis que deben cumprir os axentes que participan na creación espectacular. A dramaturxia clásica practicouse en Europa a partir das teorías estéticas xurdidas no clasicismo do s XVII. Baséase no respecto á regra das tres unidades fixada por Aristóteles (unidade de acción, espacio e tempo) e no desenvolvemento da trama ao redor de tres fases ben definidas: exposición, nó e desenlace. Estas teorías estiveron vixentes en Francia entre 1600 e 1670. A partir do s XX xurdiu unha enorme diversidade de dramaturxias, entre as que cómpre salientar a dramaturxia épica de Bertolt Brecht, que introduciu unha serie de procedementos narrativos nas súas montaxes para provocar no público distanciamento e conciencia crítica respecto da realidade social representada.
-
s
f
Conxunto de traballos encamiñados a converter un texto, dramático ou non, en espectáculo teatral.
-
s
f
Materia ensinada nas escolas de arte dramática que pretende dar unha visión unitaria do feito teatral desde o punto de vista teórico.