dramaturxista
(< dramaturxia)
Persoa responsable da realización da dramaturxia dun espectáculo, é dicir, dun deseño virtual que se vai concretando, axustando e modificando durante os ensaios e o período de realización da produción. Neste proceso tamén pode intervir como un integrante máis do equipo artístico ou como unha especie de ollo crítico que se sitúa no exterior da creación. En moitas ocasións, o dramaturxista tamén realiza traballos de investigación en relación cun autor, cunha obra, cun movemento artístico, literario ou teatral, selecciona posibles textos para futuras producións e asume a responsabilidade de traducir ou adaptar os textos literarios ou non literarios que se utilizan nun espectáculo concreto; e o seu labor sempre se realiza en colaboración cos outros integrantes do equipo artístico (produtor, iluminador, escenógrafo, músicos, xastres, etc), baixo a supervisión do director. Desde finais do s XIX a figura do dramaturxista cobra especial relevancia nos teatros de Alemaña, desde onde se vai estender a súa implantación a países como Polonia, República Checa, Eslovaquia, Bulgaria ou Romanía.