Dresden

Dresden

Capital do land de Saxonia, Alemaña, situada ao L, á beira do río Elbe (459.222 h [estim 1998]). É o centro económico e cultural dunha das maiores áreas metropolitanas de Alemaña. A economía desenvólvese arredor das actividades portuarias e das manufacturas de produtos de alta tecnoloxía, principalmente equipos médicos, máquinas para oficina e instrumentos musicais. Sobre unha colonia de pescadores eslavos constituída durante a Idade Media, o margrave Dietrich de Meissen fundou unha pequena cidade no s XII. Sufriu unha progresiva xermanización e no 1270 converteuse na sede dos electores de Saxonia, a dinastía dos Wettin. Experimentou un notable desenvolvemento comercial no s XVI e baixo o goberno do príncipe Augusto II (1649-1733), elector de Saxonia e rei de Polonia, converteuse nun destacado centro artístico. No 1849 produciuse unha gran revolta republicana que non impediu a incorporación da cidade ao desenvolvemento industrial xermánico, feito que lle permitiu acadar en 1925 unha poboación de 1.500.000 h. Durante a Segunda Guerra Mundial, entre o 13 e o 16 de febreiro de 1945, sufriu un bombardeo por parte dos EE UU no que morreron 200.000 persoas e que destruíu o casco histórico. A maioría dos seus edificios tiveron que ser reconstruídos despois de 1945. Destacan, entre outros, o Teatro da Ópera (1871-1978), a Frauenkirche e a Katolische Hofkirche, a ponte Augustusbrück e o palacio Zwingler. Entre as institucións culturais cómpre salientar a Gemäldegalerie, o museo de pintura antiga.