Drosera

Drosera
[PLANTA]

Xénero de herbáceas vivaces, da familia das droseráceas. Presenta follas con pecíolo longo que rematan nun ancheamento e se dispoñen en mouta basal. Ademais, esas follas están recubertas de grandes pelos que rematan nunhas glándulas de cor vermella que segregan unha substancia pegañenta. Nestes pelos préndense os insectos, atraídos pola cor e o cheiro, que son dixeridos para dotar a planta dun subministro de nitróxeno e fósforo. As flores pentámeras, de cor arroxada, están dispostas no extremo dun talo de ata 20 cm de alto. Os froitos en cápsula conteñen sementes aladas. Son propias de turbeiras e brañas acedas. En Galicia están presentes as especies: D. rotundifolia, as máis das veces en montañas, e D. intermedia. Como planta medicinal emprégase en infusións ou tinturas para calmar a tos, a bronquite e a farinxite. As súas propiedades baséanse nas naftoquinonas que teñen unha acción antiespasmódica. Tamén resulta antibacteriana, xa que inhibe o crecemento de bacterias gram-positivas. Reciben a denominación popular de orballiñas.

Palabras veciñas

dronte | drop* | dropacismo | Drosera | droseráceo -a | Drosinis, Iorgos | drosófila