droseráceo -a

droseráceo -a

(< lat científico Drosera)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á familia das droseráceas.

  2. s f [PLANTA]

    Planta da familia das droseráceas.

  3. s f pl [PLANTA]

    Familia de herbáceas, da orde das nepentais, que presenta adaptacións foliares para a captura de insectos. Estas plantas, aínda que teñen capacidade fotosintetizadora, precisan dos corpos de animais, as máis das veces artrópodos, para obter nitróxeno e fósforo, feito que supón unha adaptación á vida en medios húmidos, como turbeiras, onde estes elementos son de difícil obtención para as plantas. Moitas delas teñen as follas alternas, dispostas nunha roseta basal, con glándulas que segregan substancias que permiten a dixestión das presas. Poden presentar estruturas nas que os animais quedan prendidos ao se pechar as follas sobre as que se pousan, ou mesmo quedan inmobilizados por substancias pegañentas. As flores, pentámeras e de pétalos libres, dispóñense en inflorescencias en cima e dan lugar a froitos en cápsula. A familia engloba unhas 100 especies, case todas do xénero Drosera, pero tamén hai dos xéneros Aldrovanda, planta acuática de follas verticiladas, Dionaea e Drosophyllum.

Palabras veciñas

drop* | dropacismo | Drosera | droseráceo -a | Drosinis, Iorgos | drosófila | drosometría