Dryden, John
Escritor e dramaturgo inglés. Estudiou no Trinity College de Cambrige e, en 1657, estableceuse en Londres. Trala morte de Cromwell, dedicoulle as Heroic Stanzas (Estrofas heroicas, 1659). O poema Annus mirabilis or the Year of Wonders (Annus mirabilis ou o ano das marabillas, 1666) deulle a fama e unha posición na corte. Escribiu sátiras políticas como Absalon and Architophel (1681). Despois de converterse ao catolicismo, publicou The Hind and the Panther (A cerva e a panteira, 1687). Fixo tamén versións dos clásicos, como Teócrito, Horacio, Ovidio e Homero. Foi un dos autores da renovación teatral e literaria que viviu en Inglaterra no período da Restauración. En 1668 publicou An Essay of Dramatic Poesy (Ensaio sobre a poesía dramática), que supuxo unha adaptación dos principios neoclásicos que triunfaban en Francia, ao que lle seguiu Essay on Heroic Plays (Ensaio sobre o drama heroico, 1672). Escribiu arredor de 30 pezas, entre traxedias, comedias, traxicomedias e algunha ópera, entre as que cómpre destacar The Conquest of Granada (A conquista de Granada, 1670-1671), All for Love (Todo por amor, 1675), Don Sebastian (1689), Amphitryon (1690) ou King Arthur (O rei Artur, 1691).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Aldwinkle All Saints -
Deceso
Lugar : Londres