Dryopteris
Xénero de fentos perennes, da familia das aspidiáceas, de rizoma groso, con frondes planas oblongas ou triangulares, pinnadas de xeito simétrico e semellantes tanto as estériles coma as fértiles. Os esporanxios, moi pequenos e con anel de dehiscencia vertical, agrúpanse en soros arredondados que se dispoñen no dorso da fronde, separados da marxe do limbo e protexidos por un indusio persistente con forma de ril. Na Península Ibérica están presentes as especies: D. aemula, nas serras costeiras do norte; D. affinis, en toda a Península pero moi rara no SL; D. carthusiana, no terzo N; D. corleyi, en Asturias, en bosques próximos ao litoral; D. dilatata, no terzo N da Península e descende polo O ata a serra de Sintra e Sierra Carbonera (Cáceres); D. expansa, no Sistema Pirenaico-Cantábrico, ao N do Sistema Ibérico e no Sistema Central; D. filix-mas, frecuente na metade N da Península e rara na metade S; D. guanchica, no NO da Península, na serra de Sintra e na serra de Algeciras; D. oreades, nas montañas da metade N da Península; D. remota, moi rara nos Pireneos; D. submontana, no Sistema Pirenaico-Cantábrico, nos montes Aquilianos e nas serras béticas; e D. tyrrhena, en Sierra Nevada.