Dublín
Capital de Irlanda e do condado homónimo, na provincia de Leinster, situada nunha ampla baía sobre o mar de Irlanda, na desembocadura do río Liffey (480.996 h [1996]). Fundada ao N do río, experimentou un gran crecemento nos ss XVIII e XIX. A aglomeración comprende, entre outros, os núcleos de Howth e Dún Laoghaire. As industrias tradicionais empezaron a perder peso na década dos setenta, como os sectores téxtil e a elaboración de alimentos. Nos anos oitenta empezaron a construírse nos barrios que rodean a cidade, diversos centros industriais, principalmente dos sectores químico, electrónico e da enxeñería, que deron un forte impulso á industria. Centro de comunicacións do Estado, constitúe o final da rede de ferrocarrís e do Canal Real e conta co primeiro porto comercial e pesqueiro, construído en 1714. Centro de ensino superior, a cidade conta con diversos colexios e universidades: a University of Dublin Trinity College, fundada en 1592; o University College, no 1909; o Dublin Institute for Advanced Studies, no 1940; o National Institute for Higher Education, no 1975; e o Royal College of Surgeons in Ireland, no 1784. Identificada coa Eblana citada polo xeógrafo Ptolomeo, os seus habitantes derrotaron o exército do Reino de Leinster (291). Convertéronse ao cristianismo por san Patricio, patrón de Irlanda, ao redor do 450. Os dinamarqueses tomaron a cidade no 841, non obstante non acadou unha certa importancia ata o s X. Durante os séculos seguintes, especialmente en 1052, 1075 e 1124, os irlandeses loitaron por recuperar o seu dominio. Os anglonormandos, dirixidos por Enrique II de Inglaterra, expulsaron os dinamarqueses en 1171. Estableceuse unha corte nesta vila (1172) e máis tarde converteuse nunha dependencia da cidade inglesa de Bristol. Ricardo II fundou o marquesado de Dublín. A cidade serviu como centro da administración inglesa en Irlanda e centralizou o comercio entre as dúas illas. A súa escasa autonomía viuse reducida no 1495, cando o Parlamento irlandés foi practicamente suprimido. As sucesivas revoltas anti-inglesas (1509 e 1534) non conseguiron cambiar a situación e, durante a Guerra Civil inglesa, a cidade rendeuse fronte ás tropas do Parlamento para evitar que a conquistasen os irlandeses. Durante o s XVIII acadou unha notable prosperidade ao aproveitarse da expansión británica, que lle permitiu unha expansión e mellora do seu porto, convertido no núcleo económico. En 1789 produciuse unha insurrección irlandesa que fracasou, e un novo intento en 1803, dirixido por Robert Emmet, rematou nun desastre. A crise de subsistencia (1846-1847), motivada polo andazo da pataca, orixinou a decadencia do núcleo da vila. En 1847, 1867 e 1882 repetíronse as sublevacións con escaso éxito. Durante a revolta de Pascua de 1916, producíronse algúns dos enfrontamentos máis duros que remataron nunha nova derrota, ata que na revolución producida entre 1919 e 1921 se conseguiu a independencia e se converteu na capital da nova República de Irlanda (1921). En maio de 1941 sufriu os bombardeos da aviación alemana. Do seu patrimonio cultural destaca o castelo, construído no s XVI, que conserva algúns restos do s XIII e foi sede da autoridade británica ata 1922. Na arquitectura relixiosa cómpre destacar as dúas catedrais protestantes: a Christ Church, erixida no s XI pero reconstruída na centuria seguinte, e a de Saint Patrick, de estilo gótico, construída a finais do s XII e reconstruída no s XIX. Entre as construcións civís sobresaen o Trinity Collage (1592); o Bank of Ireland, sede do Parlamento irlandés ata 1800; a Custom House e as Four Courts, obra de J. Gandom, reconstruídos despois de 1922; a Leinster House, sede do Parlamento; e o Abbey Theatre, construído a principios do s XX e reconstruído tralo incendio de 1951. Entre as institucións culturais, destacan o Dublin Writer’s Museum, a Municipal Gallery of Modern Art, o Natural History Museum e o National Museum of Ireland.