Duchamp, Gaston
Pintor e gravador francés, irmán de Marcel, Raymond e Suzanne Duchamp. Coñecido como Jacques Villon, nome que adoptou dun poeta do s XV, abandonou o seu traballo de pasante dun notario pola pintura. Frecuentou o obradoiro do seu avó Émile Nicolle e estudiou belas artes en París. Fixo debuxos humorísticos e colaborou en diversos xornais. Dende 1903 participou no Salon des Indepéndants e dende 1904 no Salon d’Automne. Despois dun período fauve, achegouse ao cubismo e realizou composicións piramidais; despois foi un dos creadores da Section d’Or. Participou na Armory Show (1913) e, trala Primeira Guerra Mundial, orientouse cara á abstracción, como demostra en Equilibre rouge (Equilibrio vermello, 1921). Dedicouse ao gravado (1922-1930) e ao regresar á pintura mantivo a abstracción, aínda que tamén fixo figuración, como en La femme en rouge (A muller vermella, 1937). Trala Segunda Guerra Mundial, intentou realizar unha síntese da súa obra e elaborou obras de gran formato, como Les grands fonds (Os grandes fondos, 1945). Recibiu, entre outros galardóns, o Premio Internacional de Gravado de Lugano (1949), o Premio Carnegie (1950) e o Gran Premio de Pintura da Bienal de Venecia (1956).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Damville -
Deceso
Lugar : París