Duchamp, Marcel

Duchamp, Marcel

Pintor francés, irmán de Gaston, Raymond e Suzanne Duchamp. En 1904 trasladouse a París, onde traballou como tipógrafo e fixo caricaturas para xornais. Dende 1908 dedicouse á pintura e nun primeiro momento estivo influenciado polo impresionismo. Participou no Salon d’Automne e no Salon des Indépendants, e dende 1911 interesouse polo cubismo. En 1912 realizou Nu descendant un escalier nº 2 (Nu baixando unha escaleira nº 2) que causou rexeitamento entre os seus compañeiros da Section d’Or e na Armory Show de 1913, pois nela combinou os principios do cubismo e do futurismo. Instalouse en Nova York e, xunto con Picabia, foi o representante do movemento dadaísta. Con Roue de bicyclette (Roda de bicicleta, 1913), creou os ready-made. A obra Fontaine (Fonte,1917), urinario que comprara en París e que asinou como R. Mutt, rexeitárona no salón da Society of Independent Artists. Entre 1915 e 1923 traballou na súa obra máis representativa, La Mariée mise à nu par ses célibataires, même (A noiva espida polos seus solteiros, inclusive), coñecida tamén como O gran vidro, que concibira en 1912. Realizada sobre un vidro e con óleo e fíos de chumbo, interpretouse a partir dos escritos reunidos en A caixa verde (1934) como a metáfora da relación amorosa entre unha muller, representadas na parte superior, e o home, representado polos solteiros na inferior. En 1918 realizou Tu m’ e durante a década dos vinte realizou pezas consideradas antecedentes da arte cinética. Abandonou a pintura e dedicouse á práctica do xadrez. Non obstante , trala súa morte, descubriuse o seu traballo secreto en Étant donnés: 1º la chute d’eau, 2º le gaz d’éclairage (1946-1966).

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : Neuilly

  • Nacemento

    Lugar : Blainville

  • Deceso

    Lugar : Seine