Dullin, Charles
Actor e director de escena francés. Formouse con André Antoine no Vieux-Colombier de Jacques Copeau e no Théâtre Populaire de Firmin Gémier. En 1921 puxo en marcha o Théâtre de L’atelier, onde estableceu unha escola de formación actoral en que introduciu un programa novidoso, baseado no adestramento acrobático, no uso de técnicas da comedia musical, da commedia dell’arte ou do teatro xaponés. Promoveu, xunto con L. Jouvet, G. Pitoëff e G. Baty, a defensa do Teatro de Arte. No seu repertorio como director combinou a versión de clásicos como, Molière, William Shakespeare ou Ben Jonson, coa presentación de novos autores como, Luigi Pirandello ou Jean-Paul Sartre, cunha posta en escena creativa, baseada na sinxeleza, no rigor, na sutileza e na defensa do espírito do texto fronte ao aparato escénico. Tamén impulsou o movemento de descentralización teatral cun informe elaborado en 1937, que tivo moita influencia na posterior aplicación do modelo ao remate da Segunda Guerra Mundial. Entre os seus discípulos cómpre destacar a Antonin Artaud, Jean-Louis Barrault ou Jean Vilar.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Yenne, Savoia -
Deceso
Lugar : París