Dumont
Familia de escultores e pintores franceses. Pierre Dumont (Valenciennes 1660 -? 1735), traballou na decoración escultórica do palacio de Nancy. O seu fillo e discípulo François Dumont (París 1688 - 1726), esculpiu as figuras de san Xosé, san Xoán, san Pedro e san Paulo para a igrexa de Saint-Sulpice (París). Jean [Jacques] Dumont (París 1701 - 1781), coñecido como Dumont le Romain, foi pintor e gravador que cultivou escenas mitolóxicas e históricas e do que se conservan algunhas das súas obras na Casa da Moeda de París. O seu fillo, Jacques Edne Dumont (París 1761 - 1844), foi un dos escultores oficiais da época napoleónica. Entre as súas obras cómpre salientar os relevos da Colonne Vendôme. O seu fillo, Augustin Alexandre Dumont (París 1801 - 1884), escultor oficial, realizou, entre outras obras, o Xenio da Liberdade, da Colonne Juillet, e a escultura de Napoleón que coroa a Colonne Vendôme.