Duns Escoto, John

Duns Escoto, John

Teólogo e filósofo escocés. Coñecido como Duns Scotus e chamado Doctor Subtilis, ingresou na orde franciscana (1281) e estudiou en Oxford e Cambridge, onde foi profesor. En 1305 doutorouse en Teoloxía e en 1307 foi enviado a Colonia. Herdeiro de santo Agostiño, santo Anselmo e Avicena, e en contraste formal con san Tomé de Aquino, tentou establecer criticamente os límites da razón humana coa finalidade de delimitar a parte do coñecemento que lle corresponde á ciencia e o que lle hai que deixar ao asentimento da fe. Afirmou que todo o que non é demostrable rigorosamente pertence ao dominio da arbitrariedade e da liberdade, é dicir, ao dominio da vontade, sexa humana ou divina. A teoloxía, en tanto que baseada na fe, non debe ser chamada ciencia e, a diferenza da metafísica, representa soamente o saber práctico. Postulou tamén a haecceitas ou individualidade, entendida como formalidade última de cada cousa, o realismo dos universais, a univocidade do ente e a fundamentación da moral na mesma vontade de Deus. Entre as súas obras destacan Quaestiones in quattuor libros Sententiarum (Opus oxoniense), Reportata parisiensia (Opus parisiense), Quaestiones quodlibetales e Quaestiones in Metaphysicam subtilissimae.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Duns

  • Deceso

    Lugar : Colonia