duque -sa

duque -sa

(< fr antigo duc < latduce ‘guía, conductor’)

  1. s m [HIST]

    Funcionario romano con xurisdición sobre o exército e a administración civil para a defensa dos territorios baixo o seu mando. Logo da reforma administrativa de Diocleciano, no Baixo Imperio Romano, o mando militar quedou separado da administración civil e os duques, que se limitaron ás funcións de xefes militares, e elixíanse entre os reis destronados ou membros destacados do exército, como pago aos seus servicios. Estaba subordinado ao conde (comites), que, á súa vez, lle rendía contas ao prefecto do pretorio (praefectus pretorii). No Imperio Bizantino conservouse o cargo, pero incrementáronse as súas atribucións administrativas e militares, polo que controlaban o poder das provincias. Os pobos xermánicos que invadiron Occidente nestas datas asumiron esta dignidade, pois entre as súas estruturas existía o cargo dun xefe militar elixido pola tropa para dirixilos nas batallas.

  2. s m [HIST]

    Na Idade Media, persoa que tiña ao seu cargo o goberno dun ducado. Acumulaban os poderes administrativos e xudiciais, xunto coa dirección do exército, dun xeito máis ou menos autónomo da autoridade do soberano; o seu poder era temporal ou vitalicio. Entre os visigodos que se asentaron na Península Ibérica, dirixía o exército dun ducado por delegación do rei e exercía os poderes xudiciais, políticos e administrativos. Os seus privilexios incluían tamén a capacidade de cuñar moeda dentro dos seus dominios. Logo da invasión musulmá (711), a monarquía astur-leonesa serviuse dos duques para o goberno de territorios, pero esta denominación caeu en desuso e foi substituída pola de conde. En Francia, durante o dominio dos francos, ocupábanse do goberno dunha provincia ou comarca cunha función militar e tiñan poder sobre os condes, que gobernaban as diferentes cidades dentro do seu territorio. Baixo o goberno de Carlomagno emprendeuse unha redución do seu poder, pero, despois da morte de Ludovico Pío, houbo un período de anarquía que aproveitaron para incrementar a súa liberdade e autonomía, ata que converteron os ducados en posesións hereditarias. Co tempo, os ducados alemáns e italianos constituíronse en estados independentes, que conservaron a súa independencia ata as unificacións italiana e alemá a finais do s XIX. Na Baixa Idade Media as monarquías europeas conseguiron someter a nobreza dun xeito maioritario. Foi o monarca quen lles concedeu este título aos seus súbditos máis fieis e vinculouno aos membros da familia real. Na monarquía castelá o título non volveu empregarse ata o s XIV, cando Pedro IV llo outorgou ao seu primoxénito Xoán. Na Idade Moderna o título adquiriu un valor honorífico e, durante o goberno dos Austrias sobre os territorios hispanos, vinculouse co de grande de España. No Imperio Napoleónico, o emperador outorgoulles este título aos seus principais xenerais.

  3. s [HIST]

    Título nobiliario que na escala xerárquica está normalmente por riba do de marqués e por debaixo do de príncipe (excepto en Italia e Alemaña, onde xeralmente o duque está por riba do príncipe).

  4. s

    Persoa que posúe o título nobiliario de duque ou duquesa.

  5. s

    Cónxuxe dun duque ou dunha duquesa.

  6. gran duque/gran duquesa
    1. Persoa soberana dun gran ducado, como o de Luxemburgo.

    2. Título dado erroneamente aos fillos, aos netos e aos irmáns, de ambos os dous sexos, do tsar de Rusia, que en realidade reciben a denominación de grandes príncipes.

    3. Cónxuxe do gran duque ou da gran duquesa.