Durántez Corral, Conrado
Maxistrado e deportista. Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1958). En 1962 ingresou na carreira xudicial: foi xuíz de primeira instancia e instrución, maxistrado de traballo e en 1989 incorporouse como maxistrado ao Tribunal Superior de Justicia de Madrid. Como deportista federado, practicou diversas disciplinas (baloncesto, balonmán, voleibol, pesca submarina, pelota, tenis, caza, pesca, tiro, fútbol e natación), pero destacou especialmente no atletismo. Participou en competicións de saltos (lonxitude, altura e triple), velocidade (200 m) e lanzamento (peso, disco e martelo). Nestas últimas modalidades obtivo os seus maiores éxitos: en lanzamento de disco foi plusmarquista galego xuvenil e subcampión de España, preseleccionado para os Xogos Olímpicos de Roma 1960; en lanzamento de peso foi plusmarquista galego xuvenil e absoluto. Acudiu aos campionatos mundiais de Bruxelas 1963 e Salónica 1964. Capitaneou o club Hércules da Coruña e proclamouse campión de España por equipos en 1967. Ademais, levou o facho olímpico nas Olimpíadas de 1968 (dende o porto de Palos a Teotihuacán), 1972 e 1992. Introduciuse nos labores directivos ao acceder á xefatura de relacións internacionais do Instituto Nacional de Educación Física (1964-1976); e foi membro do comité directivo da Federación Internacional de Educación Física (1970-1975). En 1972 foi elixido membro do Comité Olímpico Español (COE), no que presidiu a comisión xurídica (1983-1987). Publicou máis de 21 libros sobre os Xogos Olímpicos (antigos e modernos), o barón de Coubertin e o seu pensamento, o movemento olímpico e a arte e o deporte. Membro fundador da Academia Olímpica Internacional (AOI, 1961), como representante permanente de España, dende 1968 preside a Academia Olímpica Española (AOE). En 1990 foi elixido presidente da Asociación Iberoamericana de Academias Olímpicas (reelixido en 1992 e 1996). En 1992 accedeu á presidencia do Comité Internacional Pierre de Coubertin (reelixido en 1994 e 1996). Tamén foi profesor da Escola Internacional do COI e conferenciante en varios países de América, África e Europa. É doutor honoris causa pola Academia Nacional de Deportes dos EE UU (1994), pola Universidad de La Habana (1997) e pola Universidad de Santa Fe de Bogotá (1998). Entre as distincións que recibiu, destacan o ingreso na Orde Olímpica do COI (1989), a Medalla de Ouro ao Mérito Olímpico do Comité Olímpico Ecuatoriano, a Medalla Olímpica de Ouro do Comité Olímpico Guatemalteco (1997), a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo (1971), a Medalla de Prata da AOI ás publicacións olímpicas (1981) e o Trofeo Olímpico del Siglo do Comité Olímpico Boliviano (2000).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol