dureza

dureza

(< lat duritĭa)

  1. s f

    Calidade de duro.

    Ex: Este material ten unha dureza abraiante. Trata con moita dureza os seus fillos.

    Antónimos: brandura. Confrontacións: resistencia, severidade, solidez.
    1. s f [XEOL]

      Resistencia dunha substancia a ser relada. Esta propiedade serviu como carácter taxonómico dende o inicio da mineraloxía sistemática. Friedrich Mohs, en 1822, conferiulle unha certa precisión cualitativa ao propor a súa escala de dureza relativa, coñecida como escala de Mohs e aceptada universalmente: 1 talco, 2 xeso, 3 calcita, 4 fluorita, 5 apatito, 6 ortosa, 7 cuarzo, 8 topacio, 9 corindón e 10 diamante. Cada un destes minerais é capaz de raiar o que está por debaixo del na escala, mentres que é raiado polo que lle segue.

    2. s f [TECNOL]

      Conxunto de propiedades mecánicas dos materiais sólidos que non teñen definición científica, pero que, en certa maneira, indican a resistencia que exercen á deformación ou a seren raiados. É un punto de referencia importante nos materiais, moi sensible ás variacións de estrutura e de composición química. A dureza está expresada por cifras diferentes que se refiren ás escalas propias de cada método.

    3. ensaio de dureza

      Procedemento para determinar a dureza dun material referida a unha escala convencional. Hai diferentes tipos de ensaios de dureza; os máis utilizados valórana como a resistencia que exerce o material a ser penetrado por un corpo de forma e características mecánicas determinadas. O método de ensaio de Brinell consiste en comprimir unha esfera de aceiro contra unha superficie plana do material, de xeito que se produce unha deformación permanente en forma de casquete esférico; a dureza exprésase en graos Brinell (HB) e avalíase mediante o cociente entre a forza ou a carga aplicada (en quilogramos-forza) e a superficie do casquete (en mm 2 ). No método de Vickers, a esfera de aceiro substitúese por unha punta de diamante piramidal cun ángulo de 136° e a dureza mídese en graos Vickers (HV). No método de Rockwell mídese a penetración dunha esfera de 1/16” de diámetro baixo unha carga de 100 kgf (dureza Rockwell HRB) ou de 150 kgf (dureza de Rockwell HRC). O método de Shore consiste en medir a altura de rebote dun peso provisto dunha punta de diamante.

  2. s f [PAT]

    Induración circunscrita da epiderme. Está formada por unha acumulación de células estratificadas da capa córnea que é consecuencia da fricción ou da presión prolongadas e repetidas; hainas que aparecen tamén baixo a acción da calor ou de substancias químicas.

    Sinónimos: calo, calosidade.
  3. s f [ARTE]
    1. Ausencia de harmonía nos contornos.

    2. Oposición forte entre as cores.

  4. s f [IMAX]

    Grao de contraste entre os brancos e os negros nun positivo ou entre as zonas claras e as opacas nun negativo.

  5. dureza da auga [QUÍM]

    Calidade da auga dura debido ao seu contido de ións de metais pesados, principalmente de ións de calcio e magnesio. A dureza temporal, debida aos bicarbonatos, elimínase por ebulición, mentres que a dureza permanente, producida por sulfatos, cloruros e silicatos, non se pode eliminar desta forma. A dureza total é a suma da dureza temporal e a dureza permanente. A unidade de medida da dureza é o grao hidrotimétrico: o grao francés equivale a 10 mg de CaCO 3 por litro, o grao alemán a 10 mg de CaCO por litro, e o inglés a 10 mg CaCO3 por galón.

Palabras veciñas

Düren | Dürer, Albrecht | Duret, Théodore | dureza | Durg | Durgâ | Durgapur