Durkheim, Émile
Sociólogo e pedagogo francés. Estudiou a Karl Marx en Leipzig (1885), en 1896 foi o encargado en Bordeos do primeiro curso creado nas universidades francesas de ciencias sociais e pedagoxía, e en 1902 ocupou a cátedra de Ciencias da Educación na Sorbonne. En 1879 fundou a revista L’Année sociologique, que difundiu importantes descubrimentos sobre as sociedades primitivas e sobre a evolución das ideas morais. Rexeitou a investigación sociolóxica a partir do estudo de leis universais, do tipo das establecidas por Comte, na procura de leis que expresaran dunha forma precisa as relacións descubertas entre os diversos grupos sociais. Segundo a súa teoría, a “conciencia colectiva” determina as accións dos individuos de tal maneira que se pode afirmar que é a sociedade a que crea o individuo, e non á inversa, e que malia estar conformada por individuos, a sociedade transcende a suma das individualidades. Entre as súas obras destacan De la division du travail social (A división do traballo social, 1893), Les règles de la méthode sociologique (As regras do método sociolóxico, 1895), Le suicide (O suicidio, 1897), Les formes élémentaires de la vie religieuse (As formas elementais da vida relixiosa, 1912), Éducation et sociologie (Educación e socioloxía, 1922), L’Éducation morale (A educación moral, 1925) e o curso dado na Sorbonne de París (1913-1914), Pragmatisme et sociologie (Pragmatismo e socioloxía, 1955).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Épinal -
Deceso
Lugar : París