Duro Peña, Emilio

Duro Peña, Emilio

Sacerdote e investigador. Cursou a carreira eclesiástica no seminario de San Francisco de Ourense e, pensionado pola diocese, ampliou estudios de teoloxía na Universidad Pontificia de Comillas. Desenvolveu o seu labor sacerdotal nas parroquias de Santa Mariña da Cidá (O Irixo) e Santa María de Melias (Pereiro de Aguiar). Foi profesor das cátedras de Filosofía e Teoloxía no Seminario Maior de Ourense, secretario de estudios e bibliotecario. Durante o seu período de docencia escribiu Adnotationes Criticae (1948), para que o empregasen os seus alumnos. En 1951, previa oposición, nomeárono cóengo arquiveiro da catedral de Ourense. En 1972 foi o primeiro director do Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo. Participou en diversos congresos internacionais, entre os que destacan o de Porto (1968) e San Tirso (1970). Colaborou, entre outras publicacións, en Anuario de Estudios Medievales, Archivos Leoneses, Compostellanum, Cuadernos de Estudios Gallegos e Hispania Sacra. Escribiu El monasterio de San Pedro de Rocas y su colección documental (1972), Catálogo dos documentos privados en pergamino del archivo de la catedral de Orense (888-1554) (1973) e El monasterio de San Esteban de Rivas de Sil (1977). En 1988 recibiu o Premio Otero Pedrayo por La música en la catedral de Santiago, publicado postumamente en 1996. Foi correspondente da Real Academia de la Historia e da Real Academia Galega.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Froufre, O Irixo

  • Deceso

    Lugar : Ourense