Durruti Dumange, Buenaventura
Dirixente anarquista. Iniciouse na actividade sindical dentro da Unión de Metalúrgicos, integrada na UGT (1912). Desertou do exército e participou na fracasada folga xeral de ferroviarios, polo que se exiliou en Francia (1917), onde se relacionou con exiliados anarquistas. En xaneiro de 1919 volveu a España, afiliouse á CNT e participou na creación dos grupos anarquistas Los justicieros (1920) e Crisol (1922), que se transformou, meses máis tarde, en Los solidarios. Tralo establecemento da Ditadura de Primo de Rivera, refuxiouse en París e en decembro de 1924 marchou a América, onde visitou Arxentina, México, Cuba, Uruguay e Chile. Regresou a Europa en febreiro de 1926 e organizou un atentado contra Afonso XIII en París, pero fracasou e foi encarcerado. Logo da proclamación da Segunda República instalouse en Barcelona e integrouse na Federación Anarquista Ibérica (FAI) no 1932, na que organizou unha á radical dentro da CNT, o grupo Nosotros. Participou na insurrección do Alto Llobregat e foi deportado a Guinea Ecuatorial. Formou parte dos comités das insurreccións de xaneiro e de decembro de 1933 e participou na revolución obreira de Asturias en outubro de 1934. O triunfo da Frente Popular en febreiro de 1936 liberouno do cárcere e, tralo inicio da Guerra Civil, foi nomeado membro do Comité de Defensa Confederal de Barcelona e colaborou na defensa de Barcelona. Elixido polo Comité Central de Milicias Antifascistas, responsable dunha columna de milicianos voluntarios que marchou sobre os golpistas que ocuparan Zaragoza, impulsou a colectivización das terras e a creación do Consejo de Defensa de Aragón. Opúxose á organización militar clásica e á participación da CNT-FAI no goberno republicano. O 13 de novembro trasladárono coa súa columna a Madrid, onde morreu na fronte da Ciudad Universitaria. A súa morte vinculouse a un acto de traizón do sector stalinista do PCE.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : León -
Deceso
Lugar : Madrid