Duse, Eleonora

Duse, Eleonora

Actriz italiana. Comezou a súa traxectoria profesional cando aínda era unha nena, nas actuacións que realizaban seus pais. Despois do seu primeiro grande éxito, co espectáculo Cavalleria Rusticana (Cabalería rústica, 1884), e dunha longa serie de actuacións por América do Sur, fundou, co primeiro actor, Flavio Andò, a compañía Città di Roma, que se especializou nun repertorio creado a partir de textos de Alexandre Dumas (fillo), Victorien Sardou, Giuseppe Giacosa e Carlo Goldoni. O seu recoñecemento internacional chegou a partir da súa relación co compositor e libretista Arrigo Boito, que lle propuxo un cambio de repertorio, no que hai que destacar os espectáculos Antonio e Cleopatra (1888) ou La dame aux camélies (A dama das camelias, 1891), estreado en San Petersburgo, que a levarían a percorrer os máis importantes teatros de Europa e América. Co dramaturgo Gabrielle d’Annunzio, traballou os seus dramas líricos e creou diversos espectáculos con eles, como La Gioconda (1899), La Gloria (1899) e Francesca da Rimini (1901), ademais incluíu no repertorio de varios espectáculos textos de Henrick Ibsen, como Et dukkehjem (Casa de bonecas), Hedda Gabler ou Fruen fra havet (A dama do mar). O seu estilo destacou por unha mestura de temperamento, sensibilidade e naturalidade, e foi unha das promotoras dunha nova maneira de interpretar que supuxo a ruptura definitiva coa declamación, propia do teatro romántico.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vigevano, Lombardia

  • Deceso

    Lugar : Pittsburgh