Düsseldorf

Düsseldorf

Capital do land de Renania do Norte-Westfalia, Alemaña, situada nas marxes do Rin (570.969 h [estim 1998]). É un importante centro comercial e manufactureiro do Ruhr. Posúe industrias de produtos químicos e de cristal. Tamén é famosa a súa cervexa, que se elabora nas oito fábricas que existen na cidade. Considérase como a cidade máis rica do país, onde se concentran as principais fortunas. Mencionada xa en documentos do s XI, a súa carta municipal data de 1288. Foi a capital do ducado de Berg (1511-1609) e en 1814 incorporouse a Prusia. Durante a Segunda Guerra Mundial foi un dos centros da industria bélica alemá e os bombardeos aliados destruírona nunhas tres cuartas partes. Do seu patrimonio cultural cómpre salientar a torre Schkissturn do antigo castelo medieval, a igrexa de San Lamber e o castelo Jägerhof. Entre as institucións culturais destaca a Academia Nacional de Arte onde en 1818 se reorganizou a academia de pintura fundada no s XVIII polo elector Carlos Teodoro, coñecida como Escola de Düsseldorf. Os seus membros cultivaron unha pintura relacionada coa corrente artística Biedermeier, e algúns deles destacaron como pintores nazarenos.