Dvořák, Antonin
Compositor checo. Violinista destacado, estudiou con A. Liehmann na Escola de Órgano de Praga (1857-1859) e, posteriormente, ingresou na orquestra do Teatro Provisional baixo a dirección de Bedřich Smetana. Exerceu a docencia particular e na súa carreira musical contou co apoio de J. Brahms, quen en 1878 promoveu a publicación de varias das súas composicións na editorial alemá Simrock. Influído por Mozart, Beethoven, Schubert e Wagner, foi fiel ás correntes musicais nacionalistas e inspirouse no folclore eslavo. O seu primeiro éxito foi a cantata Hymnus: Os herdeiros da montaña Branca (1873). En Inglaterra acadou grandes éxitos, presentou varias das súas obras e compuxo outras, como o oratorio St. Ludmilla (1886) para o Leeds Musical Festival, e foi nomeado doutor honoris causa de Cambridge. En 1891 foi nomeado profesor de composición e instrumentación no Conservatorio de Praga. Posteriormente, durante a súa estancia nos EE UU interesouse polos ritmos e melodías populares americanos e dirixiu o National Conservatory of Music de Nova York (1892-1895), onde ensinou composición. De regreso a Bohemia, dirixiu o Conservatorio de Praga (1901-1904). Da súa produción destaca a Sinfonía nº 1 en do menor (1865), Sinfonía nº 2 en si bemol (1865), Sinfonía nº 3 en mi bemol (1873), Sinfonía nº 4 en re menor (1874), Sinfonía nº 5 en fa maior (1875), Sinfonía nº 6 en re maior (1880), Sinfonía nº 7 en re menor (1885), Sinfonía nº 8 en sol maior (1889) e Sinfonía Novena “Do novo mundo” (1893); as óperas Rusalka (1901) e Armida (1904); o Concerto para violoncelo en si menor (1895) e o Trío para piano op. 90 en mi menor “Dumky” (1891); as Danzas Eslavas (1878 e 1886) e Rapsodes Eslavas (1878); cinco poemas sinfónicos, misas, cantatas, obras corais sacras, preludios e numerosas pezas para piano.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Nelahozeves, Bohemia -
Deceso
Lugar : Praga