Dyck, Anton van
(Anveres 1599 - Londres 1641) Pintor flamengo. Comezou a súa formación con H. van Balen, e en 1618 o gremio de pintores outorgoulle o rango de mestre. Despois pasou dous anos no obradoiro de Rubens. Realizou obras, entre as que destaca O prendemento (1618?), coa mesma técnica de pintura ca o seu mestre, pero nas que contrapuña un canon máis estilizado e unha gama cromática menos violenta. En 1620 viaxou a Londres, onde traballou ao servizo de Xacobe I, logo trasladouse a Italia (1621-1627) onde, influído pola escola veneciana e boloñesa, se dedicou ao retrato de medio corpo. Durante a súa estadía en Anveres (1627-1632) realizou retratos burgueses e pinturas de temática relixiosa, como Cristo morto e Descanso na fuxida a Exipto. En 1632 regresou a Inglaterra, onde se converteu en pintor da corte de Carlos I, quen o nomeou cabaleiro. Nos seus retratos da aristocracia inglesa reflectiu a condición de retratado. As súas obras volvéronse máis suaves e luminosas, cunha maior presenza dos tons dourados e prateados. Entre outros retratos destacan Carlos I cazador (1635), Os fillos de Carlos I e Sir Endimion Porter e Van Dyck. Para afrontar a demanda de retratos limitábase a facer a cabeza e encomendáballes o resto da figura aos seus discípulos. A súa obra influíu nos retratistas ingleses do s XVIII.