Eastman, George

Eastman, George

Inventor e industrial fotográfico. Fundador da Eastman Kodak Company, en 1878 comezou a preparar as primeiras placas de bromuro de prata e en 1880 comezou a súa fabricación industrial. A partir de 1881 substituíu as placas de cristal por papel. En 1888 introduciu a primeira cámara Kodak no mercado, preparada cun rolo de película para cen tomas en papel coa que contribuíu á difusión da fotografía no público xeral. Ao ano seguinte inventou unha película transparente de nitrocelulosa que empregou T. A. Edison no seu cinematógrafo. Xa en 1890 sacou ao mercado a Kodak nº 2, que permitía obter 150 imaxes en papel. Cinco anos despois inventou un sistema para cargar e descargar á luz un carrete de doce imaxes coa coñecida Kodak Pocket, un aparato de reducidas dimensións. Posteriormente, inventou a Kodak de tres diafragmas, provista de varias velocidades, e unha cámara para nenos coñecida como Kodak Brownie, cun rolo para seis imaxes. Dedicou unha parte dos seus recursos económicos, obtidos coa comercialización dos produtos fotográficos Kodak, a distintos proxectos de investigación e a diversas institucións culturais e científicas dos EE UU.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Waterville, Nova York

  • Deceso

    Lugar : Rochester