Ebbinghaus, Hermann
Psicólogo alemán. Estudiou nas universidades de Bonn, Halle, Berlín e Breslau. Investigou as condicións de aprendizaxe e a memoria. Foi un dos pioneiros da psicoloxía experimental e as súas investigacións sobre a memoria sentaron as bases para coñecer o seu funcionamento. En 1879 desenvolveu as técnicas experimentais para o estudo da memoria e o esquecemento, investigando, por primeira vez e de forma científica, os procesos mentais superiores. Primeiro, traballou coa memorización de sílabas sen sentido e logo pasou ao estudo da memorización de sílabas con sentido, e concluíu que a memoria era igual nun caso e no outro. Tamén determinou que para aprender algo novo hai que esquecer o vello. Segundo el, ao principio unha persoa esquece con moita rapidez e logo máis lentamente, pero nunca se esquece todo por completo senón que algo queda na memoria. A cantidade de material aprendido que pode ser recuperado, diminúe de maneira sistemática co tempo, pero non necesariamente a un ritmo constante. Tamén investigou os procesos de percepción. Entre as súas obras cómpre citar Über das Gedächtnis (Sobre a memoria, 1885), na que expón os seus estudios sobre a capacidade humana para memorizar baixo un método rigorosamente experimental, e Grundzüge der Psychologie (Compendio de psicoloxía, 1897).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Wuppertal, Renania do Norte -
Deceso
Lugar : Westfalia -
Deceso
Lugar : Halle, Baixa Saxonia