Ebro, Batalla do

Ebro, Batalla do

Acción militar da Guerra Civil que tivo lugar entre xullo e novembro de 1938. Foi planeada co obxectivo de dificultar as comunicacións do exército franquista na fronte mediterránea e restablecer a conexión entre Catalunya e o resto da España republicana. O Estado Mayor Central republicano confioulle a operación ao denominado Exército do Ebro que iniciou a ofensiva o 25 de xullo e estaba ás ordes de Juan Modesto e composto por tres corpos mandados por Enrique Líster, Manuel Tagüeña e Etelvino Vega. O exército pasou o río en barcas por diversos puntos entre Mequinenza e Amposta. Á marxe dereita do río estaba o exército marroquí, dirixido polo xeneral Yagüe, que se viu sorprendido inicialmente pola rapidez da ofensiva. Pola zona norte, entre as localidades de Mequinenza e Fayón, a 42 División estableceu unha cabeza de ponte que se mantivo ata o día 7 de agosto. Na fronte sur, o avance republicano viuse freado rapidamente polos exércitos franquistas. No sector central, entre Riba-roja d’Ebre e Benifallet, a ofensiva republicana conseguiu tomar as localidades de Flix, Ascó, La Fatarella e Corbera, e aproximarse a Gandesa, onde se produciu o contraataque franquista, acompañado dun gran volume de artillería e a colaboración da aviación alemá que deixou caer mil toneladas de explosivos. A apertura dos encoros de Camarasa e Barasona provocou a subida das aguas e fixo aínda máis difícil o repregamento republicano. A partir deste momento rematou a fase de movemento e comezou a batalla de posicións. Na serra de Pándols tivo lugar o enfrontamento entre a 11 División de Enrique Líster, do V Corpo do exército republicano, e a IV División de Navarra, do exército franquista, dirixidos directamente polo tenente coronel Vicente Rojo e o xeneral Franco, respectivamente. A 11 División retirouse o 14 de agosto. O día 20, a contraofensiva franquista penetraba en Villalba de los Arcos e Corbera. Entre setembro e outubro a ofensiva franquista foi recuperando o territorio. O 15 de novembro cruzaban o río os últimos efectivos do Exército do Ebro. O día 16 entraron en Flix as primeiras tropas e tanques franquistas. Remataba así unha batalla de 125 días, que causou máis de 100.000 mortos, e que permitiu o avance dos sublevados cara a Barcelona. Na derrota final republicana influíu decisivamente a firma do Acordo de Múnic, a finais de setembro de 1938, entre Nerilla Chamberlain e Édouard Daladier, en nome de Francia e Reino Unido respectivamente, e Hitler. O acordo significou non só a entrega de Checoslovaquia senón tamén a fin das frontes populares e das alianzas da esquerda, e o desentendemento por parte da Unión Soviética das cuestións do occidente europeo. Supuxo tamén, a seguridade para Franco de seguir recibindo axuda xermanoitaliana, mentres se pechaba a fronteira francesa e o acceso á axuda republicana.

Palabras veciñas

ebriedade | ebrio -a | Ebro | Ebro, Batalla do | Ebro, delta do | Ebro, depresión do | Ebro, Tratado do