Ebro, depresión do

Ebro, depresión do

Gran depresión que se estende ao NL da Península Ibérica, de forma lixeiramente triangular, limitada polos Pireneos, o Sistema Ibérico e polas Cadeas Costeiras Catalanas. Comprende unha boa parte de Aragón, Euskadi e a Comunidad Autónoma de La Rioja; sen embargo, a delimitación exacta depende do criterio que se utilice (litolóxico, tectónico e climatolóxico). Durante o Primario e o Mesozoico, a rexión morfolóxica actual estaba ocupada por un gran macizo, que se fundiu coa oroxenia alpina e se converteu nunha cubeta de subsidencia onde se acumularon os sedimentos terciarios. A área de subsidencia ocupada nun principio polas augas mariñas, transformouse pouco a pouco nunha área lacustre absolutamente pechada. Os sedimentos depositados permaneceron horizontais e están constituídos, en xeral, por margas, arxilas, calcários e conglomerados. O relevo actual resulta da acción erosiva do Ebro, dos seus afluentes e da rede mediterránea no sector levantino. A depresión do Ebro ten, en xeral, pouca altitude sobre o nivel do mar. Entre as súas principais formas cómpre distinguir: os amplos vales dos ríos, unha multitude de grandes relevos planos, os relevos montserratinos na periferia e os característicos bad land dalgúns sectores máis áridos. Os relevos periféricos que limitan a depresión do Ebro por todos os lados, íllana das influencias exteriores e, en particular, das mariñas. Trátase, polo tanto, dunha rexión moi árida, cun clima continental, de temperaturas moi elevadas no verán e moi frías no inverno. A rede hidrográfica do Ebro drena toda a depresión, a excepción do extremo oriental, que é drenado basicamente polos ríos Llobregat e Ter.

Palabras veciñas

Ebro | Ebro, Batalla do | Ebro, delta do | Ebro, depresión do | Ebro, Tratado do | ebulición | ebuliometría