Ecequiel, libro de
Ecequiel, libro de
Libro bíblico, do Antigo Testamento, que recolle as profecías de Ecequiel. Fillo dun sacerdote do Templo de Xerusalén, foi deportado a Babilonia no 598 a C. Escrito cunha linguaxe metafórica e simbólica, consta de dúas partes. Na primeira, o autor fala dos castigos contra Xerusalén, Xudá e os falsos profetas por abandonar o camiño da lei e os preceptos de Iavé, e profire ameazas contra os pobos dos arredores que conspiraran contra os israelitas. Na segunda parte predominan as promesas de salvación: anúnciase un salvador e o retorno do Reino de Israel á terra dos seus pais e a unha nova Xerusalén cun novo templo.