Écija
Municipio da provincia de Sevilla, Andalucía, situado na marxe esquerda do río Genil (37.292 h [1996]). Centro dunha fértil rexión agrícola (oliveiras, cereais e algodón), tamén destaca a súa industria téxtil e a derivada da agricultura. De probable orixe ibera, foi a colonia romana Astigi. Pertenceu a Tāriq cando os musulmáns invadiron a Península Ibérica e Fernando III reconquistouna en 1240. Enriqueceuse durante o s XVI e beneficiouse da actividade comercial de Sevilla. As medidas desamortizadoras e a perda dos privilexios e dereitos xurisdicionais da nobreza no s XIX, xunto ás actividades dos bandoleiros coñecidos como Los siete niños de Écija, afectaron negativamente á economía da cidade. Do conxunto histórico artístico da cidade, declarado Ben de Interese Cultural en 1966, cómpre salientar as igrexas de Santiago (ss XV-XVIII), de Santa Cruz (ss XV-XIX), de San Juan (ss XVI-XIX) e de Santa María Nuestra Señora (s XVIII), o convento das Filipensas (s XV-XVIII), o Real Convento de Santa Isabel (s XV) e os palacios de Peñaflor (ss XVI-XVIII) e de los Palmas (ss XVI-XVIII).