Eckart [Eckhart] ou [Eckerhart], Johann

Eckart [Eckhart] ou [Eckerhart], Johann

Filósofo alemán da orde dominicana. Coñecido como Mestre Eckart, estudiou en Erfurt, onde foi prior do convento (1298), e en Colonia. Nomeado magister de teoloxía sagrada en París (1302), volveu a Alemaña ao ano seguinte e posteriormente nomeárono vicario xeral da orde en Bohemia (1307). Retornou a París como magister actu regens (1311) e en 1314 trasladouse a Estrasburgo (1314). Prior do mosteiro de Frankfurt (1317), volveu ás aulas como primeiro profesor da súa orde en Colonia dende 1320. Acusado de herexía e de vinculacións co movemento dos begardos (1326), apelou ao papa e defendeu as proposicións contidas nas súas obras, pero finalmente tivo que retractarse diante dos teólogos papais. Na súa doutrina mesturábanse as tradicións de Plotino, santo Tomé, santo Agostiño, Proclo e o pseudo Dionisio. Nos seus traballos distínguense: a obra latina, que comprende sermóns e unha teoloxía de raíz esexética, nada nun contexto universitario e cun carácter sistemático e metafísico (Opus Tripartitum, da que se conservan fragmentos, e Quaestiones parisienses); e a obra alemana, de tipo espiritual e místico (Buch der göttlichen Tröstung, Libro da consolación divina). Influíu en filósofos como Nicolás de Cusa e en teólogos como Lutero.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Hockenheim, Turinxia

  • Deceso

    Lugar : Aviñón