eclesioloxía

eclesioloxía

(

s f [RELIX]

Doutrina teolóxica sobre a orixe e a finalidade da Igrexa. Como disciplina específica non apareceu ata a Baixa Idade Media. Anteriormente, os pais da Igrexa concibírana a partir das imaxes bíblicas, distinguíndoa como elemento do proxecto trinitario de salvación da humanidade e establecendo os aspectos básicos da súa organización e estrutura, aínda que de forma ambigua e dispar. No II Concilio de Nicea (687) xa se concibía a Igrexa como corpo universal. O cisma coa Igrexa oriental e a reforma gregoriana potenciou a potestade e a infabilidade do papa, aspectos sobre os que versaron os primeiros tratados da doutrina eclesiolóxica (s XIV). No s XVI a Reforma cuestionou a organización e estrutura xérarquica da Igrexa, e puxo en dúbida o papel intermediario do papa. Preguntáronse se o verdadeiro proxecto de Xesús, cando fundou a Igrexa, predeterminaba unha estrutura xerarquizada e dependente. A Contrarreforma e posteriormente os postulados do concilio Vaticano I (1870) insistiron na concepción da Igrexa como sociedade perfecta, creada por Cristo e dotada dunhas bases xurídicas que reforzaban o poder e a autoridade pontificia. O xesuíta Roberto Belarmino, autor do s XIX, definiu a Igrexa como sociedade visible e institucionalmente desigual e xerarquizada, e subliñou sobre todo a autoridade do papa, no seu dobre poder de xurisdición e de infalibilidade. Despois do concilio Vaticano I xurdiron correntes de renovación que volveron resaltar principalmente o concepto sacramental da Igrexa dentro do proxecto trinitario de salvación. Neste aspecto destacaron algúns teólogos como Congar, De Lubac, Semmelroth, Rahner ou Schillebeeckx. O concilio Vaticano II aprobou o documento Lumen Gentium (1964), que recollía as dúas concepcións da Igrexa como estrutura dotada dunha organización xerárquica e a de comunidade universal orientada ao sacramento da salvación.

Palabras veciñas

Eclesiástico | eclesiástico -ca | eclesio- | eclesioloxía | eclesiónimo | eclímetro | eclipsado -da