eclipse

eclipse

(< lat eclipse < gr ἕκλειψις  ‘desaparición’)

  1. s f [ASTRON]

    Escurecemento total ou parcial da luz que un observador recibe dun astro; sucede cando un segundo astro se interpón entre o astro en cuestión e o observador, ou cando o astro entra na sombra ou na penumbra doutro. As eclipses máis coñecidas popularmente son as do Sol e as da Lúa. As eclipses solares ou lunares son posibles grazas a dous motivos. Por unha parte, os diámetros aparentes do Sol e da Lúa son comparables, xa que os dous presentan un tamaño angular de medio grao aproximadamente, polo que é posible que a Lúa oculte total ou parcialmente o Sol. Por outra parte, o plano da órbita da Lúa ao redor da Terra está inclinado uns cinco graos respecto do plano da eclíptica, e, como consecuencia, só hai dous puntos, chamados nodos, en que a órbita da Lúa atravesa o plano da eclíptica. Deste xeito, cando a Lúa está preto dun destes nodos e o Sol está en conxunción con ela, acontece unha eclipse de Sol, isto é, unha ocultación do Sol pola Lúa; e cando a Lúa está preto dun nodo e o Sol está en oposición a ela, é dicir, cando está situado sobre o nodo contrario, prodúcese unha eclipse de Lúa. Así pois, as eclipses de Sol só poden ocorrer na fase de lúa nova e as de Lúa na de lúa chea. Unha eclipse de Sol ou solar acontece cando a Lúa se interpón entre o Sol e o observador situado na Terra. O vértice do cono de sombra proxectado pola Lúa cae aproximadamente sobre a superficie da Terra. Cando o vértice cae fóra, os observadores situados dentro do cono de sombra verán unha eclipse anular. Cando o vértice cae dentro, os observadores situados dentro do cono de sombra verán unha eclipse total e os situados no cono de penumbra verán unha eclipse parcial. A duración total dunha eclipse é dunhas catro horas. Unha eclipse de Lúa ou lunar ten lugar cando a Lúa entra no cono de sombra da Terra, sexa totalmente, como na eclipse total, ou parcialmente, como na eclipse parcial, segundo a sombra da Terra oculte todo o disco solar ou só unha parte, respectivamente, ou cando a Lúa entra no cono de penumbra da Terra, como na eclipse penumbral. Unha eclipse lunar vese desde todos os puntos dun hemisferio, e a duración é, como máximo, dunha hora e 42 minutos. As eclipses solares e lunares reprodúcense periodicamente. O período é de 18 anos, 11 días e 8 horas, ou sexa, 223 revolucións sinódicas da Lúa. Nun destes períodos, chamados Saros, coñecidos xa polos caldeos, prodúcense unhas 70 eclipses, 29 delas de Lúa e 41 de Sol. Nun ano pode haber un máximo de 7 eclipses: 4 ou 5 de Sol e 2 ou 3 de Lúa.

  2. s f [LING]

    Nasalización que afecta ao primeiro fonema dunha palabra nas linguas célticas.

  3. s f

    Desaparición total ou parcial de alguén ou de algo ou diminución da súa notoriedade.

    Ex: Despois de que o detiveran por roubo produciuse a eclipse da súa carreira artística.

Palabras veciñas

eclímetro | eclipsado -da | eclipsar | eclipse | eclíptica | eclíptico -ca | eclosión