Eco de Galicia
Publicación semanal aparecida en La Habana en 1917 e que cesou a súa edición en 1936. Dirixírona, sucesivamente, Manuel Gondell Linares, Manuel Fernández Doallo e Mercedes Bieito Bouza. Definiuse como “Revista gráfica y de información de la colonia gallega en Cuba”. Dedicou espacios á historia, á situación da muller na sociedade, á economía, e incluíu artigos sobre Galicia e América, xeografía, arte e literatura. Situada politicamente no ámbito das Irmandades da Fala, contou coa colaboración de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Lois Peña Novo, Manuel Banet Fontenla, Xoán Vicente Viqueira e Basilio Álvarez na súa “Páxina nazonalista”. No eido literario destacan os poemas de Curros Enríquez, Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Modesto Moure, Gonzalo López Abente e Eladio R. González. Entre os narradores cómpre salientar a Avelino R. Elías, E. Correa Calderón, Roxelio Rivero e Domingo Quiroga. Inseríronse tamén artigos de Concepción Arenal, Xoán Barcia Caballero, Xulio Camba, Prudencio Canitrot, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Murguía, Miguel de Unamuno e Ramón del Valle-Inclán.