Eco de Galicia, El

Eco de Galicia, El

Semanario fundado en La Habana polo xornalista Waldo Álvarez Insua o 8 de marzo de 1878. Dirixido por Eduardo Núñez Sarmiento, en compaña do seu propio fundador, cesou o 5 de outubro de 1901. Contaba con espacios dedicados ás ciencias, ás artes e á literatura, con colaboracións da autoría de Fortunato Cruces, Manuel García Barros, Antonio de la Iglesia, Lamas Carvajal, Galo Salinas, Luís Otero Pimentel, Lugrís Freire, Lisardo R. Barreiro, Eduardo Núñez Sarmiento ou F. Romero Blanco. No eido poético cómpre salientar os poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, A. García Ferreiro, Lamas Carvajal e Eduardo Pondal. Tamén se recollen traballos sobre literatura galega, como o de José Criado, titulado “Galicia y su literatura”; o de Salvador Lema sobre Queixumes dos pinos; o de Máximo Leyes Posse sobre “La poesía de la Edad Media”; e o de Emilia Pardo Bazán sobre Eduardo Pondal e Nicomedes Pastor Díaz. Entre 1885 e 1889 publicou como suplemento A gaita gallega, de Xoán M. Pintos.