Eco de Galicia, El

Eco de Galicia, El

Publicación decenal fundada por Xosé Mª Cao Luaces o 7 de febreiro de 1892 en Bos Aires. No mesmo ano pasou a ser propiedade de Manuel Castro López, quen a dirixiu ata a súa morte en 1926. Mantivo un talante liberal e de compromiso co Partido Republicano Federalista, o que supuxo unha especial atención á información sobre a actualidade de Galicia e dos emigrantes galegos. Nas súas páxinas reivindicáronse a política e a lingua de Galicia, e defendéronse os intereses dos emigrantes repatriados en América. Incluíronse artigos dedicados a recesións, homenaxes e balances anuais dos libros editados en galego e castelán, con colaboracións de distintos escritores como Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Francisco Añón e Marcial Valladares. Inseríronse ademais relatos e poemas de Filomena Dato Muruais, Avelina Valladares, Benito Losada, Manuel Nóvoa Costolla, Roxelio Lois, Alberto García Ferreiro, Galo Salinas e Heraclio Pérez Placer. Como complemento desta publicación, Castro López editou a partir do 6 de febreiro de 1898 un Almanaque que se publicou ininterrumpidamente durante 28 anos.