Eco de Santiago, El

Eco de Santiago, El

Publicación aparecida en Santiago de Compostela o 1 de marzo de 1896 e que cesou a súa edición o 30 de setembro de 1938 ao fusionarse con El Correo Gallego, momento no que pasou a denominarse El Correo Gallego y El Eco de Santiago. Subtitulouse “Diario Independiente”, “Diario de Compostela” e “Diario de la tarde”. O seu fundador, director e propietario foi Celestino Sánchez Rivera. Entre os seus colaboradores figuraban Aurelio Ribalta, o marqués de Figueroa, Xoán Barcia Caballero, Armando Cotarelo Valledor, Pablo Pérez Constanti e Victoriano García Martí. A súa periodicidade era diaria, agás a partir de setembro de 1899, que deixa de publicarse os domingos. De tendencia católico-conservadora, incluíu información de carácter xeral, principalmente novas do estranxeiro (Cuba e Filipinas), de Madrid e do propio concello, asuntos económicos e unha “Sección de Modas”. Desde as súas páxinas atácase o federalista Pi i Margall, que pedía a independencia de Cuba. Así mesmo, préstaselle moita importancia ao Congreso Católico Nacional, á morte do Papa León XIII, ás vodas de ouro do cardeal Herrera e ao Congreso de Ciencias Médicas celebrado en Santiago de Compostela en 1909. Tamén informaba diariamente sobre a Primeira Guerra Mundial Europea e, durante a Guerra Civil, apoiou o alzamento franquista. En galego editáronse algúns poemas de Rosalía de Castro e Ricardo Barros Pintos, e unha colaboración de Antonio Rey Soto.