Eco de Vivero, El

Eco de Vivero, El

Semanario que apareceu en Viveiro o 29 de xullo de 1888. Subtitulouse “Periódico de intereses locales” e cesou o 26 de decembro de 1908. O seu fundador e propietario foi Teodoro Botino Castro, e posteriormente pasou a mans de T. Ignacio Botino Gayoso. Foi dirixido, sucesivamente, por Severino López Tojo, Plácido Moas Cotillá e Xesús Noya González. Entre os seus colaboradores figuran Camelia Cociña, Emilio Tapia Rivas, Alfredo García Dóriga, A. Noriega Varela, Víctor de Silva Posada e Xosé Pérez Barreiro. Ten seccións dedicadas á historia local e á literatura. No ámbito político enfrontouse a El Vivariense, periódico caciquil. Destacou como publicación cultural e cando Xesús Noya se fixo coa dirección do xornal foi publicando en forma de folletín os seus “Apuntes para la historia de Vivero”.