Eco del Liceo, El
Publicación de carácter liberal aparecida en Ourense o 1 de abril de 1870 e que cesou a súa edición o 8 de outubro do mesmo ano. Subtitulouse “Revista semanal de literatura y ciencias” e, a partir do nº 11, “Revista semanal de literatura, ciencias y política”. A dirección estaba a cargo da xunta directiva da Academia de Literatura e Ciencias, constituída no Liceo ourensán e presidida por Xoán Sieiro. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de Agustín Moldes e, a partir do nº 11, nos de Francisco Paz. Entre os seus colaboradores figuraban Xoán Manuel Paz, Alejandro Quereizaeta, Xosé García Mosquera, Antonio Valcárcel, Cesáreo Fernández e Arturo Soria. A temática era variada, trataba temas de literatura, ciencia, filosofía, economía, relixión e incluía unha crónica política. No eido literario inseriu un poema en galego de Xosé García Mosquera no último número.