ecuador

ecuador

(

  1. s m [MAT]

    Círculo que corta perpendicularmente pola metade os meridianos dunha superficie de revolución, é dicir, que é o máximo dos seus paralelos.

  2. [ASTRON]
    1. s m

      Liña imaxinaria ao redor dun corpo celeste que xace nun plano que pasa polo centro do obxecto e é perpendicular ao seu eixe de rotación.

    2. ecuador celeste

      Círculo máximo da esfera celeste determinado pola intersección da devandita esfera cun plano perpendicular ao eixe do mundo. Este círculo que divide a esfera celeste en dúas semiesferas, chamadas hemisferio austral e hemisferio boreal, serve de referencia a certos sistemas de coordenadas astronómicas. Cómpre ter en conta, sen embargo, que o eixe do mundo presenta desprazamentos debido aos movementos de nutación e precesión e que, polo tanto, o ecuador celeste non é un círculo fixo, senón que varía co tempo.

    3. ecuador galáctico

      Círculo máximo da esfera celeste determinado pola intersección da devandita esfera cun plano perpendicular ao eixe que pasa a través dos polos galácticos.

  3. s m

    Lugar ou momento equidistante entre dous puntos.

    Ex: O traballo está neste momento no seu ecuador.

  4. ecuador magnético [FÍS]

    Liña ideal sobre a superficie terrestre onde a inclinación magnética é nula. Representa a zona neutra entre os dous polos magnéticos. Os seus puntos son aclínicos, polo que tamén se coñece como liña aclínica.

  5. ecuador térmico [CLIMAT]

    Liña de máximas temperaturas na superficie terrestre. A distribución das masas continentais, maioritariamente no hemisferio setentrional, fai que a súa posición varíe entre os 5° e os 10° de latitude N, segundo a época do ano. Está en función directa do quentamento solar e da zona de baixas presións ecuatoriais onde converxen os ventos alisios.

  6. ecuador terrestre [XEOG]

    Liña imaxinaria que divide exactamente o planeta Terra en dúas metades e equidista dos polos N e S. O ecuador terrestre é o punto de orixe das latitudes, é dicir, todos os puntos localizados sobre el teñen latitude cero graos (0°). Tamén pode denominarse Ecuador, e neste caso emprégase xeralmente en maiúscula.

Palabras veciñas

ecuabilidade | ecuable | ecuación | ecuador | Ecuador | Ecuador | ecualización