Ecuador

Ecuador
Nome científico: [nome oficial cast: República de Ecuador]

Estado de América do Sur, á beira do Océano Pacífico. Limita ao N con Colombia e ao S e SL con Perú. Comprende tamén o arquipélago de Colón (Galápagos), que forma unha rexión situada a 1.500 km da costa ecuatoriana. En total, o país abrangue unha superficie de 272.045 km2, nos que reside unha poboación de 12.646.000 h (estim 2000). Esténdese entre os 2° de latitude N e os 5° de latitude S e os 81° e 75° de lonxitude O. A capital é Quito.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Ecuador pódese dividir en catro rexións topográficas. A primeira é a cordilleira dos Andes, que no sector que atravesa o país ocupa o 30% do territorio ao longo de 400 km, sitúase entre os pasos de Pasto e Loja e divídese en dúas aliñacións montañosas paralelas, a Cordillera Real e a Cordillera Occidental, separadas por unha depresión tectónica lonxitudinal. É unha rexión de actividade volcánica, onde a altitude aumenta de N a S, con numerosos cumios por enriba dos 4.000 m de altitude, como o Cotopaxi (o volcán activo máis alto do mundo, con 5.897 m), o Sangay (5.230 m) ou o de maior altitude do país, o volcán Chimborazo (6.310 m). Unha segunda unidade está constituída polo extremo oriental, ao L dos Andes, onde se estende a rexión amazónica, a unha altitude que oscila entre os 800 m e os 2.000 m, cuberta por glacis húmidos e arxilosos como consecuencia da sedimentación provocada pola rede hidrográfica. En terceiro lugar, a rexión occidental é unha chaira litoral levantada por unha serie de serras calcarias de 100 m de altitude, ocupada na súa parte central pola depresión de Esmeraldas. Por último, a rexión insular do Archipiélago de Colón (Galápagos), está integrada por diversas illas de orixe volcánica, entre as que destacan Isabela, Santiago, Santa Cruz, Santa Marina e San Cristóbal.
Climatoloxía e hidrografía
Aínda que xeograficamente está situado na zona ecuatorial, o seu clima é variado, debido ao relevo e á influencia da corrente fría de Humboldt e á corrente cálida de El Niño. A rexión da Costa é calorosa e húmida, cunha temperatura media anual de 26° C. Na cordilleira dos Andes, por mor da altitude, o clima deixa de ser tropical de xeito que as temperaturas descenden considerablemente, así en Quito, a unha altitude de 2.850 m, a media anual é de 12,8° C. A rexión oriental é calida e húmida, con temperaturas que acadan os 37,8 ° C e unhas precipitacións de 2.030 mm de media anual. A rede hidrográfica presenta unha dobre vertente, a pacífica, onde destacan os ríos Esmeraldas e Guayas, cun caudal abundante e navegables en numerosos tramos; e a vertente amazónica, con ríos máis longos pero menos caudalosos, como o Napo e o Marañón.
Medio ambiente
Ecuador é un dos países con maior biodiversidade do planeta, grazas á gran variedade de ambientes altitudinais e ecolóxicos, que van dende as selvas húmidas amazónicas ata os cumios nevados andinos, e a unha taxa de endemismos moi alta, favorecida pola gran cantidade de barreiras xeográficas que propiciaron os procesos de especiación. Así, a flora está composta por unhas 25.000 especies de plantas; delas, máis de 2.000 corresponden a especies arbóreas e máis de 3.000 son orquídeas. Na selva húmida ecuatoriana localizáronse máis de 200 especies de árbores por hectárea. Entre os mamíferos, dos que se coñecen 320 especies (un terzo deles morcegos), destacan 17 especies de monos, tres especies de tapires, osos de anteollos, golfiños amazónicos, manatís, xaguares, pumas, ocelotes, capibaras, camélidos, armadillos, preguiceiros, formigueiros, pecarís e porcos espiños. Entre as aves, das que se coñecen 1.600 especies, destacan as 115 especies de colibrís, 19 especies de tucanos, 45 especies da familia dos psitácidos, 22 especies de rapaces nocturnas e 67 especies de rapaces diúrnas, ademais do cóndor, a ave máis emblemática dos Andes. Nas illas Galápagos -amais dos mascatos patirrubio e patiazul, albatros, fragatas e flamingos-, existen 26 especies endémicas. Entre os réptiles, dos que se coñecen 350 especies -das que case a metade corresponden a serpes-, destacan os caimáns na Amazonía e os crocodilos na costa e, nas Galápagos, sapoconchos xigantes e iguanas mariñas e terrestres. Ademais, coñécense 375 especies de anfibios e 1.250 especies de peixes (800 de auga doce). A rede de espacios protexidos está integrada polos parques nacionais de Cotopaxi, Sangay, Machalilla, Yasuni, Podocarpus, e as reservas naturais de Cajas, Limoncocha, Manglares Churute, Cuyabeno e Cotacachi-Cayapass.
Xeografía económica

Economía
A agricultura foi tradicionalmente a base da súa economía, non obstante en 1965 aprobouse a Lei de desenvolvemento industrial que facilitou a creación de fábricas téxtiles, artigos eléctricos e farmacéuticos. A partir de 1970 produciuse un importante incremento na produción e exportación de petróleo, que se viu favorecido pola construción do oleoduto transecuatoriano, que facilitou a subministración desde os xacementos do L do país ata o porto de Esmeraldas. A débeda externa de 14.140 millóns $ USA (1998) e unha inflación do 36,1% no mesmo ano, levou ao país a unha crise económica que fixo necesario que o goberno tomase unha serie de medidas como o cambio de moeda oficial no 2000, pasando do sucre ao dólar USA. Estas medidas económicas foron apoiadas polo Fondo Monetario Internacional (FMI). En 1999 a axitación social suscitada pola crise bancaria e a suba dos precios dos combustibles paralizou o país. O FMI prometeu unha axuda de 1.000 millóns $ USA, coa condición de que o goberno ecuatoriano xestionase o saneamento do sistema financeiro e a privatización dos sectores do petróleo, electricidade e telecomunicacións.
Recursos e sectores de actividade
As terras cultivadas supoñen algo menos do 10% da superficie e a agricultura representa o 17% do PIB, cunha estrutura latifundista, principalmente nas rexións de Sierra e Costa. Os principais cultivos son a cana de azucre, as bananas (cuarto produtor mundial) e o café, que representan o 14,3% das exportacións ecuatorianas. Tamén son importantes os cultivos de cacao, do que é o sexto produtor mundial e un dos principais exportadores. Entre os cultivos destinados ao autoconsumo destacan o algodón, os cítricos, o trigo, o millo, as patacas e a cebada, cultivados na rexión da Costa. Os seus bosques son tamén unha importante fonte de ingresos e converteron a Ecuador no primeiro produtor do mundo en madeira de balsa. En canto ao sector pesqueiro, Ecuador converteuse nun dos principais países de América do Sur en canto ao número de capturas, principalmente de camarón, procedentes das augas costeiras, así como de atún e lagostinos nas augas que rodean o arquipélago de Colón. Na rexión de Oriente, a explotación do petróleo é unha importante fonte de divisas (malia estar a meirande parte en mans estranxeiras), sobre todo desde que en 1972 se construíu o oleoduto de 504 km que atravesa os Andes e transporta o petróleo desde a rexión de Oriente ata o porto de Esmeraldas para a súa exportación. As reservas non son moi abundantes e o ritmo de explotación actual permitirá a extracción ata o ano 2003. En xeral, os recursos minerais son escasos; destacan as explotacións de ferro, cobre, xeso e ouro. Os principais sectores industriais son o téxtil, o alimentario (cervexa, azucre, conservas e derivados do peixe) e o químico (fertilizantes nitroxenados). Aínda existen industrias artesanais do sector alimentario e téxtil. En conxunto, a industria participa no PIB co 33% do total. Ecuador ten un gran potencial eléctrico, o 72% da electricidade que consome prodúcese en instalacións hidroeléctricas e plantas térmicas que funcionan con carbón e derivados do petróleo.
Comercio exterior
Desde que o petróleo é o principal produto de exportación, o comercio exterior presenta un saldo favorable. En 1999 as exportacións acadaron un valor de 4.451 millóns $ USA, o 60% procedentes do petróleo, bananas, camaróns, café e cacao. Os principais clientes son EE UU (37%), Colombia (5%), Chile (5%) e Perú (4%). O valor das importacións no mesmo ano foi de 3.017 millóns $ USA e os principais produtos son equipos de transporte, materias primas e bens de equipo. En 1998 os principais provedores foron EE UU (30%), Colombia (13%), Xapón (5%), Venezuela (6%) e México (3%).
Transportes e comunicacións
O principal porto do país é Guayaquil, que concentra as importacións ecuatorianas, e Esmeraldas, desde onde se exporta a maior parte do petróleo. As relacións comerciais co Archipiélago de Colón (Galápagos) contrólanse severamente e realízanse por avión desde Quito e Guayaquil co fin de conservar a fauna. A rede viaria terrestre céntrase en dous eixes N-S que atravesan as rexións da Costa e Sierra, enlazadas por liñas transversais. A única ruta de gran lonxitude é a estrada Panamericana, de 1.392 km, que atravesa o país de N a S. Destaca tamén a navegación fluvial, principalmente nos ríos Guayas e Daule. As cidades de Quito e Guayaquil contan con aeroportos internacionais.
Xeografía humana

Demografía
Ecuador rexistra unhas elevadas taxas de crecemento demográfico, cun 2% de media anual no período 1994-1999, debido fundamentalmente ao forte incremento vexetativo, así a taxa de natalidade foi do 22,3‰ en 1999, mentres que a diminución da mortalidade (favorecida pola incorparación dos adiantos sanitarios e hixiénicos do s XX e pola xuventude da poboación) levou ao país a unha taxa do 5,1‰ na mesma data (1999). A poboación é moi nova; os menores de 15 anos representan o 35,8% dos habitantes do país, fronte ao 4,39% maiores de 65 anos. En 1998 a esperanza de vida ao nacer era de 68 anos para os homes e de 73 para as mulleres.
Poboamento
A poboación concéntrase nas rexións de Costa e Sierra, que abranguen unha superficie inferior á metade do territorio. A rexión de Oriente está practicamente despoboada, aínda que a raíz do descubrimento de xacementos de petróleo se estableceron colonias con poboación procedente das montañas. No ano 2000 a densidade de poboación era de 46 h/km2 e a proporción de poboación urbana era de 65,3%. As cidades máis importantes son Quito (1.487.513 h [1997]) e Guayaquil (1.973.880 h [1997]), principal porto e centro de actividade comercial. A moita distancia, en canto ao número de habitantes, están as cidades de Cuenca (255.028 h [1997]), Machala (197.350 h [1997]), Santo Domingo de los Colorados (183.219 h [1997]) e Portoviejo (167.956 h [1990]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación ecuatoriana é etnicamente moi heteroxénea: o pobo quechua, o principal colectivo indíxena do país, constitúe o maior dos grupos étnicos, cun 40% da poboación. Unha proporción equivalente son mestizos de quechuas e descendentes de europeos e africanos; o resto da poboación é de orixe europea (15%) e africana (5%). A lingua oficial é o castelán, aínda que a Constitución de 1998 recoñece que o quechua, o shuar e o resto das linguas indíxenas son de uso oficial para os pobos indíxenas. As linguas indíxenas que se falan en Ecuador pertencen ás distintas ramas do phylum amerindio: á ecuatorial (o shuar), á familia macro-tucana da rama ecuatorial (secoya, siona), á familia barbacoa da rama chibcha-páez (o chachi) e á familia quechumara da rama andina (quechua I, quechua II). A relixión católica é a confesión do 95,7% da poboación. A finais do s XIX, a revolución liberal estableceu a separación parcial da Igrexa e o Estado, e en 1906 promulgouse unha nova Constitución que sancionou a separación entre Igrexa e Estado, confiscou as propiedades da Igrexa e declarou a total liberdade relixiosa. En canto ao ensino, no ano 1944 iniciouse unha campaña destinada a reducir o alto índice de analfabetismo no país. A educación é gratuíta e obrigatoria desde os cinco ata os quince anos. En 1996, o número de alumnos era de 1.888.172, que asistían a 17.194 escolas. O ensino é bilingüe en castelán e quechua, aínda que tamén existen programas noutras linguas, como o shuar, o chachi, o siona e o secoya. Os principais centros de ensino superior son a Universidad Central de Ecuador, a Universidad Pontificia Católica de Ecuador e a Universidad Tecnológica Equinoccial, en Quito; a Universidad de Cuenca, en Cuenca; e a Escuela Superior Politécnica del Litoral e a Universidad de Guayaquil, ambas as dúas en Guayaquil.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano no 1997 situaba a Ecuador entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 91° posto cun índice do 0,722). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 69,5 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 90,7% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 73%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 4.940 $ USA.
Goberno e política
Proclamada como independente de España o 24 de maio de 1822, integrouse xunto con Colombia, Panamá e Venezuela na Federación da Gran Colombia, ata a súa separación en 1830. República presidencialista, contou dende a súa orixe cunha axitada vida constitucional que comezou en 1830 e, logo da Constitución de 1861, apareceron diversos textos constitucionais froito das asembleas constituíntes que xurdiron dos sucesivos golpes de estado (1869, 1878, 1884, 1898 e 1906). No s XX, a dinámica continuou e ditáronse novos textos constitucionais en 1929, 1945 e 1946. Despois da caída da ditadura militar (1963), promulgouse a Constitución de 1967, que mantivo a súa validez ata que se aprobou unha nova lei fundamental mediante referendo, que entrou en vigor o 10 de agosto de 1979. Este texto sufriu reformas en 1984 e 1996, e despois da crise institucional na presidencia de Abdalá Bucaram, redactouse unha nova constitución, durante o goberno de Fabián Alarcón, que se aprobou o 10 de agosto de 1998. O poder executivo está formado polo presidente da República, que detenta tamén a xefatura das forzas armadas, elixido mediante sufraxio universal directo por un período de catro anos (período que se pode ampliar por máis dunha lexislatura, aínda que non de forma consecutiva); polo vicepresidente, que se elixe no mesmo día e coa mesma fórmula que o presidente; e polo Consello de Ministros elixido polo presidente. O poder lexislativo correspóndelle ao Congreso Nacional, órgano unicameral composto por 121 membros, elixidos por un período de catro anos. Os congresistas son elixidos por representación proporcional (79) e por representación territorial (42). Os deputados por representación territorial escóllense en función da porcentaxe de votos emitidos en cada unha das provincias. A Corte Suprema de Justicia é o máximo órgano do poder xudicial; existen ademais 17 tribunais superiores e tamén xulgados e tribunais provinciais. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. A pena de morte non está en vigor. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Segundo Protocolo Facultativo do PIDCP, relativo á abolición da pena de morte; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Americana sobre os Dereitos Humanos (1969); Protocolo da Convención Americana sobre os Dereitos Humanos Relativo á Abolición da Pena de Morte (1990); Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (aínda sen ratificar) e a Convención Interamericana sobre a Desaparición Forzada de Persoas (2000). Os principais partidos políticos son: Democracia Popular (DP), fundado en 1978 como Democracia Popular-Unión Demócrata Cristiana e liderada por Ramiro Rivera; Partido Social Cristiano (PSC), fundado en 1951 e presidido por Jaime Nebot; Partido Roldosista Ecuatoriano (PRE), fundado en 1982 e dirixido por Abdalá Bucaram Ortiz; Movimiento Nuevo País-Pachakutik (NPP) liderado por Rafael Pandam; Izquierda Democrática (ID), fundado en 1977 e dirixido por Rodrigo Borja Ceballos; e Frente Radical Alfarista (FRA), fundado en 1972 e baixo o liderado de Fabián Alarcón. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: ONU, Organización dos Estados Americanos (OAS), Organización dos Países Exportadores de Petróleo (OPEP) e a Asociación Latinoamericana de Integración (ALADI).
Historia

As civilizacións precolombinas e a colonización hispánica
Os testemuños máis antigos de asentamentos humanos no territorio ecuatoriano dátanse ao redor do ano 18.000 a C. Algunhas das culturas máis antigas coñecidas son chorrera, Valdivia, La Tolita, no territorio de Costa, Palta e Cañari, na rexión de Sierra, e Napo e Cotococha na área de Oriente. No período precolombino, as tribos e pobos organizábanse en reinos dirixidos por un rei ou cacique local. En 1478, o inca Tupac Yupanqui unificou os pobos agrícolas e converteu a cidade de Quito nun importante centro comercial e cultural. Sucedeuno Huayna-Capac, que completou a conquista do territorio ecuatoriano e, á súa morte (1526), dividiu o Imperio entre os seus dous fillos, Huáscar e Atahualpa, aos que lles asignou Cuzco e Quito, respectivamente. Pronto xurdiu o conflito entre ambos, circunstancia que aproveitaron os españois para dominar o territorio. Trala conquista do Perú, un dos capitáns da expedición de Francisco Pizarro, Sebastián de Benalcázar, ocupou Quito despois da vitoria sobre o caudillo indíxena Rumiñahui. En 1540 Pizarro nomeou gobernador, en nome da Coroa española, o seu irmán menor Gonzalo. Despois do asasinato de Pizarro polos almagristas, Gonzalo iniciou unha revolta e proclamou a independencia, pero foi vencido polo exército español, dirixido por Pedro de la Gasca, na Batalla de Jaquijaguana (1548). Ecuador quedou vinculado ao vicerreinado do Perú, as cidades foron gobernadas polo cabido e por autoridades nomeadas desde Lima, ata que en 1563 se creou a Real Audiencia de Quito, presidida por Hernando de Santillán. As rutas comerciais que atravesaban o país (situado entre Lima e Cartagena de Indias) influíron notablemente no seu desenvolvemento. O imposto da alcabala provocou unha revolta popular en 1592. Desde 1717 a Audiencia de Quito formou parte do vicerreinado de Nova Granada, agás no período comprendido entre 1723 e 1739, no que estivo novamente vinculada ao do Perú. Durante o s XVIII acadou unha certa prosperidade económica baseada no cultivo do café, o cacao e o tabaco, na explotación forestal e mineira, e nas fábricas de tecidos. O primeiro intento de independencia estalou en 1809, mentres a metrópole permanecía baixo a ocupación das tropas napoleónicas, momento no que se creou unha Junta Soberana de Gobierno en Quito. Non obstante , en 1812 os realistas recuperaron a cidade. En 1822 Antonio José de Sucre venceu os realistas na Batalla de Pichincha e anexionou Ecuador á Federación da Gran Colombia.
Independencia e formación da República
A causa dalgunhas diferencias internas, en 1830 Ecuador declarouse independente (recoñecido polo goberno español en 1840), e o conservador Juan José Flores foi designado presidente da República. Abriuse un período de conflitos entre conservadores e liberais, no que se sucederon os gobernos de Juan José Flores (1830-1834, 1839-1843), Vicente Rocafuerte (1835-1839) e Gabriel García Moreno (1859-1861, 1869-1875). Asasinado este último en 1875, as loitas entre conservadores e liberais cesaron coa instauración en 1895, por parte do xeneral Eloy Alfaro, dun réxime progresista no que se estableceu a separación da Igrexa e o Estado e o ensino laico. O liberalismo dividiuse entre os seguidores de Alfaro e os de Leónidas Plaza; este último foi nomeado presidente en 1912 tralo asasinato de Alfaro. Esgotada a lexislatura de Plaza, entre 1916 e 1940 sucedéronse na presidencia 18 candidatos, na súa maioría representantes da oligarquía comercial e bancaria de Guayaquil (enriquecida pola exportación de cacao), aliada cos grandes latifundistas.
Crise e conflitividade fronteiriza
O crac bolsista de 1929 e as consecuencias da Segunda Guerra Mundial sumiron o país nunha profunda crise económica que deu lugar a numerosos conflitos laborais e políticos. A situación agravouse trala invasión polo Perú da provincia de El Oro (1941). O Protocolo de Paz de Rio de Janeiro (1942) estableceu a fronteira entre ambos os países; nel outorgóuselle a Perú a maior parte do territorio en disputa. En 1944, o presidente liberal Arroyo del Río abandonou o poder como consecuencia do triunfo dun movemento revolucionario liderado polo ex-presidente Velasco Ibarra, que gobernou ditatorialmente. Tras sucesivos gobernos derrocados por golpes de estado, as eleccións de 1948 outorgaron a presidencia a Galo Plaza, á fronte dunha coalición conservadora. Os apoios do novo presidente permitiron a apertura dun período de maior estabilidade.
Inestabilidade sociopolítica
Velasco Ibarra resultou gañador nas eleccións de 1952 e novamente nas de 1960, esta vez grazas ao apoio dunha Fronte Nacional da que formaron parte desde conservadores ata comunistas. Mantivo unha política exterior independente, negándose a colaborar coa política anticastrista dos EE UU, pero non foi quen de levar adiante as reformas prometidas, principalmente a agraria. A unión de conservadores e liberais e a Confederación de traballadores depuxo a Ibarra, que foi substituído polo vicepresidente Carlos Julio Arosemena, quen rompeu as relacións cos países socialistas. Arosemena gobernou entre 1961 e 1968, cunha interrupción entre 1963-1966, período no que exerceu o goberno unha xunta militar. Velasco Ibarra volveu á presidencia en 1968 e, dous anos máis tarde, instaurou unha ditadura co pretexto de combater a axitación social e a crise económica. En 1972 foi expulsado e destituído por un goberno militar presidido por Guillermo Rodríguez Lara. A este sucedeuno en 1976 o contraalmirante Alfredo Poveda e, dous anos máis tarde, unha nova constitución aprobada por referendo (en vigor a partir de 1979), permitiu o retorno ao poder dos civís e impulsou a reforma agraria e o sector nacionalizado da economía do país. O plátano, o café e o cacao representaban o 80% dos ingresos do país na década de 1970. En 1972 efectuáronse as primeiras exportacións petrolíferas dos novos xacementos, explotados por empresas estadounidenses; en pouco tempo Ecuador converteuse no segundo exportador de petróleo de Hispanoamérica, despois de Venezuela. Durante o goberno do xeneral Rodríguez Lara, Ecuador incorporouse á OPEP, e o Estado adquiriu o 25% das accións da Texaco-Gulf. En 1979, Jaime Roldós, candidato da Concentración de Fuerzas Populares, asumiu a presidencia, restableceu as relacións diplomáticas con Cuba, China e Albania, e intentou a aplicación dun programa de integración de poboación marxinada. Dous anos máis tarde o presidente morreu en accidente de aviación e foi substituído polo vicepresidente Oswaldo Hurtado. A finais de 1981 xurdiu novamente o conflito entre Ecuador e Perú, co estalido da denominada Guerra dos Cinco Días. A recesión económica favoreceu en 1984 a elección de León Febres como presidente, do conservador Frente de Reconstrución Nacional. Febres iniciou unha política de reprivatización e aplicou medidas de austeridade que orixinaron un considerable malestar social, e houbo de enfrontarse a rebelións militares entre 1986 e 1987. Nas eleccións de 1988 resultou vencedor o socialdemócrata Rodrigo Borja, do partido Izquierda Democrática. Baixo o seu mandato a economía mellorou, aínda que non o suficiente como para acabar coa débeda acumulada, nin parar o descontento popular. Borja enfrontouse tamén ao movemento indíxena, que reivindicaba a propiedade da terra e o respecto aos dereitos humanos. En 1992, Sixto Durán Ballen, líder do conservador Partido Unidad Republicana, resultou elixido novo presidente. A dureza do proxecto de estabilización con que tentou relanzar a economía causou unha onda de conflitos que o enfrontou cos sindicatos e as comunidades indíxenas. En xaneiro de 1995 estalou en forma de guerra aberta o vello conflito fronteirizo con Perú, na cordilleira do Cóndor, onde se presumía a existencia de ouro, uranio e petróleo, e que foi resolto no mesmo ano por mediación da OEA. Aínda que a guerra desviou momentaneamente a atención dos problemas internos, a impopularidade do goberno agravouse ademais pola corrupción xeneralizada entre os seus membros, a sistemática oposición do Congreso e a violencia. Nas eleccións presidenciais de 1996 venceu o populista Abdalá Bucaram, do Partido Roldosista Ecuatoriano, que foi tamén rexeitado polo clamor popular e cesado polo Congreso Nacional, que nomeou presidente constitucional interino a Fabián Alarcón, dirixente do Frente Radical Alfarista, como presidente interino. En xaneiro de 1998 as eleccións convocadas pola Asamblea Nacional Constituyente deron a vitoria a Jamil Mahuad, candidato de Democracia Popular. En xaneiro de 2000 decretou a dolarización da economía, o que provocou a reacción popular e o nomeamento dun Triunvirato de Salvación Nacional que só durou unhas horas, xa que o Congreso designou como novo presidente a Gustavo Noboa, que continuou a política de dolarización, ata a desaparición da moeda ecuatoriana, o sucre, en setembro de 2000. A conflitividade coa comunidade indíxena obrigou a Noboa a decretar o estado de emerxencia a principios de febreiro de 2001.