ecuatoriano -na
(
-
adx
Relativo ou pertencente a Ecuador ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Ecuador.
-
arte ecuatoriana
[ARTE]
Arte desenvolvida en Ecuador. As culturas precolombinas están pouco estudiadas. Entre as primeiras manifestacións prehistóricas destaca o asentamento de Inga, ao L de Quito, datado entre o 9000 e o 5000 a C, e do que se conservan puntas de proxectil. Cara ao 8000 a C, desenvolveuse unha industria lítica na costa e, entre o 3900 e o 2300 a C, a cultura valdivia, da que destacan os poboados de Valdivia, San Pedro, Loma Alta e Real Alto, onde se localizaron enterramentos baixo o chan das vivendas. Esta cultura foi unha das primeiras de América en posuír centros cerámicos e utensilios domésticos, mesmo creou unhas figuras femininas semellantes ás venus, caracterizadas polos seus tocados. Na mesma época xurdiu no S do país a cultura de Cerro Narrío (2800 a C), representada pola cerámica decorada con finas liñas vermellas e polo traballo, entre outros materiais, da pedra, dos ósos, das cunchas e dos metais. Do período comprendido entre o 2250 e o 1320 a C consérvanse pequenas figuriñas decoradas con liñas vermellas. Da cultura chorrera (1300?-550 a C) cómpre salientar as botellas que representan distintos animais. Entre as culturas que se desenvolveron a partir do 500 a C destaca a bahía, con obxectos de cerámica policromada, entre os que cómpre subliñar os vasos zoomorfos e antropomorfos; e a La Tolita, coñecedoras da metalurxia e produtores de máscaras de ouro e obxectos de pequeno tamaño. Da época inca consérvanse ruínas de templos e outras construcións. No Ecuador colonial, en Quito, fundouse en 1534 a primeira escola de artes de América do Sur. No eido da arquitectura destacan a igrexa da Compañía de Jesús, o claustro de San Agustín, a catedral e os conventos de San Francisco e a Merced na capital ecuatoriana. Nas artes plásticas salientaron na pintura Miguel de Santiago, frei Pedro Bedón e Nicolás de Goríbar. Maior relevancia acadaron os imaxineiros, pois ás técnicas indíxenas se lles engadiron ás dos tallistas españois. Cómpre salientar, entre outros, a Diego de Robles, o padre Carlos, José Olmos, Bernardo Legarda e Manuel Chili Caspicara. No s XIX, como consecuencia tardía do Romanticismo, xurdiu unha escola encabezada polos pintores Rafael Salas, membro dunha familia de artistas, e Joaquín Pinto, que tratou de obter unha expresión nacional por medio das súas acuarelas costumistas. Juan Manosalvas, seguidor de Fortuny, foi o primeiro director da Academia de Bellas Artes de Quito, fundada en 1904. Á escola incorporáronse artistas estranxeiros que introduciron as novas tendencias europeas. Alí formáronse, entre outros, Antonio Salgado, Rosario Villa Gómez e Miguel Ángel Tejada. Nas primeiras décadas do s XX destacaron Camilo Egas e Manuel Rendón. A influencia do muralismo mexicano deu orixe, nos anos trinta, ao indixenismo de Eduardo Kingman, Manuel Rendón e Diógenes Paredes, que apareceu en 1939 no Salón de Mayo do Sindicato de Artistas e Escritores de Ecuador. Tivo a súa continuación na arte comprometida, entre outros, do pintor Oswaldo Guayasamín e do escultor Jaime Andrade Moscoso. Nos anos sesenta produciuse unha arte que antepuxo a forma e a cor ao indixenismo. No eido da abstracción cómpre salientar, entre outros, a Enrique Tábara, Oswaldo Moreno, Oswaldo Viteri e Luis Molinari. Nos anos setenta creouse un salón oposto ao oficial que se caracterizou polo emprego dunha cor derivada da arte popular que derivou nos anos oitenta na estética do feísmo. Nos anos noventa cómpre subliñar os pintores Marcelo Aguirre, Carlos Rosero, Jaime Zapata e Celso Rojas, e no eido da escultura, a Jesús Cobo, Edgar Carrasco, J. Andrade e Alfredo Palacio.
-
literatura ecuatoriana
[LIT]
A obra fundamental da narrativa do s XIX é a produción de Juan Montalvo (1832-1899), con obras como Siete tratados, Las Catilinarias, Geometría moral ou Capítulos que se le olvidaron a Cervantes, nas que reflite unha preocupación política e moral. A novela do s XIX manifesta preocupacións costumistas e unha forte influencia francesa que desembocou na corrente realista. Destacan Alfredo Baquerizo Moreno (El señor Penco, 1895), J. León Mera (Cumandá o un drama entre salvajes, 1879) e Manuel J. Calle (Historia de un crimen, 1897). Coa obra Plata y bronce (1927), de Fernando Chávez, apareceu a primeira novela indixenista, corrente que seguiu posteriormente Jorge Icaza con obras como Huasipungo (1934). Esta influencia realista e indixenista tamén continuou no chamado Grupo de Guayaquil, representado, entre outros, por José de la Cuadra, Demetrio Aguilera Malta e Alfredo Pareja. Creador dunha obra exaltada e chea de angustia existencial, Pablo Palacio contribuíu á renovación literaria con Un hombre muerto a puntapiés (1927) e Vida de un ahorcado (1932). Posteriormente, destacaron no eido da narrativa Alicia Yáñez Cossío (Bruna, Soroche y los Tíos, 1972; El beso y otras friciones, 1974), Miguel Donoso Pareja (Krelko, 1962; Henry Black, 1969), Adalberto Ortiz (El espejo y la ventana, 1967), Abdón Ubidia (Sueño de lobos, 1986; El cuento popular, 1997; Referentes, 2000) e Edgar Allan García (Sobre los ijares de Rocinante, 1991; Rebululú, 1994; El encanto de los bordes, 1997). En poesía destacaron ao longo da historia, entre outros, J. J. Olmedo, os románticos Julio Zaldumbide e Numa Pompilio Llona, e as tendencias parnasianas de César Borja e Remigio Crespo Toral. A comezos do s XIX houbo unha influencia do modernismo e tamén do simbolismo francés con Arturo Borja, Humberto Fierro e Ernesto Noboa. Cómpre salientar, ademais, a Jorge Carrera Andrade, Gonzalo Escudero, Jorge Reyes, Euler Granda, Alfredo Gangotena, César Dávila Andrade, Jorge Enrique Adoum e Rubén Astudillo.
-
música ecuatoriana
[MÚS]
A música ecuatoriana está influída notablemente pola cultura indíxena, europea e africana. Polas referencias localizadas nas crónicas e documentos históricos, pode afirmarse que tanto a música popular europea como a música africana foron introducidos polos colonizadores e polos escravos africanos. Da música indíxena anterior á etapa colonial case non quedan manifestacións, debido ao feito de que carecían dun sistema de notación, e os instrumentos empregados eran basicamente de vento e percusión (bombo, caixa, xilófono, ocarina, frauta, etc). Entre os cantos e danzas típicas destacan a guaranda, o danzante, o pasacalle, o yaraví, o albazo, o pasillo, o sanjuanito e o yumbo. Durante a etapa colonial, a música era case na súa totalidade de carácter relixioso, xa que os músicos da época mantiñan unha forte relación coa Igrexa ao ser directores de coros ou mestres de capela. Coa República agromou a música de carácter popular, proliferaron as bandas, a música mestiza e, importados de Europa, chegaron o valse, a mazurca e a polca. No s XVII destacou o compositor Diego Lobato de Sosa e, posteriormente, Francisco Coronel, Manuel Jurado, Manuel Blasco, Crisanto Castro, Juan Agustín Guerrero e Ignacio Miño. A fundación do primeiro conservatorio de música a mediados do s XIX xerou os primeros músicos académicos. A mediados de século sobresaíu a figura de Carlos Amable Ortiz e, cara á fin de século, o musicólogo e compositor Pedro Pablo Traversari Salazar, xunto con Nicolás Guerra e Rafael Valdivieso. Posteriormente, cómpre salientar a Segundo Luis Moreno Andrade, Sixto María Durán e Salvador Bustamante Celi, e na primeira parte do s XX, a Luis Humberto Salgado Torres. A esta serie de músicos, cómpre engadir a obra de Francisco Paredes Herrera, Segundo Cueva Celi, Nicasio Safadi Reyes, Carlos Bonilla, Julián Tucumbi Tigasi e Gerardo Guevara. Ao longo da historia musical ecuatoriana destacaron como intérpretes de música popular, entre outros, Carlota Jaramillo, Las Alondras del Guayas, Dúo Ecuador, Julio Jaramillo e Hilda Murillo.