Edberg, Stefan
Tenista sueco. Debutou como profesional en 1984, despois de que o ano anterior se convertese no primeiro xogador que gañou os catro torneos do Grand Slam (Open de Australia, Wimbledon, Roland Garros e EE UU) en categoría junior. Ata a súa retirada do circuíto profesional en 1996, gañou un total de 41 títulos individuais sobre todas as superficies. Entre eles, destacan os dous triunfos no Open de Australia (1985 e 1987), outros dous en Wimbledon (1988 e 1990) e dous máis no Open dos EE UU (1991 e 1992). Tamén gañou o Master’s en 1989 e foi o número 1 da clasificación mundial da ATP (Asociación de tenistas profesionais) durante 72 semanas, entre 1990 e 1992. En dobres, tamén conseguiu ser número 1 a nivel mundial, gañou 18 títulos, 4 deles do Grand Slam: o Open de Australia e o dos EE UU, con Anders Jarryd, en 1987; o Master’s en 1985 e 1986; e o Open de Australia, con Petr Korda, en 1996. Como integrante do equipo sueco proclamouse campión da Copa Davis en tres ocasións (1984, 1985 e 1987). Nos Xogos Olímpicos de Los Angeles 1984 gañou a medalla de ouro, aínda que non o título de Campión Olímpico, pois o tenis era deporte de exhibición. Nos Xogos de Seúl en 1988 acadou dúas medallas de bronce, en individual e dobres.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Vastervik